Unha trintena de axentes turísticos participaron no FAM TRIP Ruta dos Faros, promovido polo GALP Ría de Pontevedra
O pasado luns 10 de decembro tivo lugar unha xornada de traballo e viaxe de familiarización promovida polo GALP Ría de Pontevedra destinada a dar a coñecer a Ruta dos Faros de Galicia en xeral, así como os principais recursos presentes na propia ría en particular.
Para a celebración de dita actividade, convidouse aos asociados á Ruta dos Faros, a Mar Galaica e aos restaurantes de Pesca Artesanal do territorio do GALP Ría de Pontevedra, así como a outras entidades relacionadas co mesmo. Unha trintena de axentes turísticos participaron neste famtrip, aproveitando a sesión de networking incluída no programa para dar a coñecer os seus respectivos negocios, así como para estreitar lazos cos demais profesionais, sentando así as bases para posibles futuras colaboracións.
A xornada comezou cunha visita guiada aos bancos marisqueiros das praias de Lourido da man da Asociación de Mulleres do Mar de Poio, seguida dunha presentación da Ruta dos Faros e a mencionada sesión de networking no local da Asociación de Veciños de Lourido. A continuación, os asistentes embarcaron no Pelegrín para surcar a ría dende o porto de Combarro, para así coñecer a historia da Illa de Tambo e aproveitar para tomar unha fotografía de grupo co faro de fondo. A travesía finalizou na outra marxe da ría, desembarcando no porto de Bueu para procedera a visitar a colección do Museo Massó. O propio museo foi tamén o marco elixido para desenvolver a sesión de traballo onde os asistentes aproveitaron para compartir as súas impresións.
Os participantes, ademais de descubrir os recursos da Ruta dos Faros presentes na ría de Pontevedra, subliñaron a idoneidade deste tipo de iniciativas que serven como punto de encontro para os empresarios relacionados co sector turístico e mariñeiro, destacando a necesidade de seguir propiciando este tipo de xuntanzas co obxectivo de xerar unha oferta turística conxunta.