Puntos de difusión móbil en Portonovo e Bueu
A reciclaxe permanente do persoal e a mellora nos procesos de transformación do peixe e marisco axudan á creación de novos postos de traballo. Como se pode atraer ás xeracións mozas e favorecer a remuda xeracional?
Agora que a necesidade de reciclar e de evitar o uso de plástico é unha prioridade, como poderiamos seguir contribuíndo á mellora da calidade ambiental da Ría?
Se as persoas maiores que máis coñecemento tiñan sobre as tradicións e cultura máis ligada ao mar van sendo menos: que poden facer asociacións, concellos e empresas do ámbito da cultura para asegurar que a toponimia, lendas ou habilidade de facer conservas de peixe non se perdan?
Este xoves, 12 de setembro, no GALP Ría de Pontevedra queremos resolver estas e outras cuestións con todas as persoas que vivides e coñecedes a zona da Ría de Pontevedra.
Estaremos recollendo ideas no noso posto de difusión móbil entre 10:00 e 14:00 diante da Lonxa de Portonovo e entre 16:00 e 20:00 diante do Mercado de Abastos de Bueu.
Tes algunha idea?
Vén compartila e entérate de todas as ferramentas que o GALP-RP ten para axudar á creación de emprego e riqueza na contorna da Ría!