FORO ACTIVANDO O CAMBIO
Este sábado 5 de outubro, no Centro Social do Mar de Bueu, terá lugar o FORO ACTIVANDO O CAMBIO, organizado polo GALP Ría de Pontevedra. Un evento onde falaremos da actividade do GALP, de como presentar proxectos ás convocatorias de financiamento da entidade e recolleremos ideas para axudar a crear emprego e benestar nos sectores máis ligados ao mar na Ría de Pontevedra a través dun formato hackaton. Un acto aberto tanto a profesionais do sector do mar (pesca, acuicultura, marisqueo), cultura e medioambiente, como a residentes dalgún dos 6 concellos limítrofes coa Ría de Pontevedra e que estean interesados en face-la súa aportación.
O FORO ACTIVANDO O CAMBIO comezará cunha presentación xeral da entidade e a avaliación da súa actividade no último exercicio . Seguidamente arrancará o hackaton, un formato inspirado nos encontros de programación informática, e que fomenta o debate participativo mediante a presión do tempo e o traballo en grupos pequenos. Estes grupos estarán dinamizados por un técnico arredor dun reto xeral que é idear solucións orixinais e de consenso que redunden na mellora socio-económica da Ría de Pontevedra en torno a esferas como a competitividade, o medioambiente e o patrimonio cultural.
A continuación realizarase un obradoiro de desenvolvemento de proxectos onde se explicarán os requisitos das convocatorias de financiamento do GALP para os interesados en presenta-la súa proposta, especialmente no marco da temática medioambiental e o patrimonio cultural. O evento finalizará cunha visita guiada ao Museo Massó para todos os asistentes.
As conclusións do FORO ACTIVANDO O CAMBIO serán trasladadas a un informe executivo, que servirá de folla de ruta para o seguinte período de avaliación da EDLP, a Estratexia marco que guía a actividade da entidade.
Todos os interesados en formar parte desta cita poderán inscribirse na páxina do evento ou enviando un correo electrónico a: avaliacion_intermedia@galpriadepontevedra.org