O GALP APORTOU 2.168.000 EUROS PARA A EXECUCIÓN DE 30 PROXECTOS ENTRE OS ANOS 2016 E 2018

O Foro ACTIVANDO O CAMBIO fixo balance do traballo desenvolvido neste período e recompilou propostas para definir a súa estratexia para seguir contribuíndo á dinamización social sostible do territorio nos vindeiros anos

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra distribuíu 2.168.000 euros en axudas procedentes do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (85%) e da Consellería do Mar (15%) para o financiamento de 30 proxectos entre os anos 2016 e 2018. Destes, 25 están rematados e cinco en execución.

Así o explicou este sábado a xerente do GALP, Laura Nieto, durante o Foro ACTIVANDO O CAMBIO, que a entidade celebrou en Bueu, dentro do proceso participativo cos distintos actores que conforman a base social da entidade para avaliar o impacto sobre o territorio da súa actividade entre 2016 e 2018, así como informar das posibilidades de desenvolvemento para os vindeiros anos.

A presidenta do GALP, María del Carmen Vázquez, e o concelleiro de Cultura, Patrimonio, Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico de Bueu, Xosé Leal, foron os encargados de abrir a xornada e dar a benvida aos asistentes. Vázquez destacou o obxectivo de dar “a maior participación posible” á xente, incidindo en que “calquera persoa ou entidade cunha boa idea pode dar o paso, xa que dende os concellos e o GALP contarán con toda a axuda técnica para tentar levala adiante”.

Xosé Leal, pola súa parte, salientou a importancia que o traballo do GALP está a ter para o desenvolvemento económico dos municipios, ao tempo que o apuntou como unha ferramenta “fundamental” para sacar adiante proxectos que “sen o seu apoio e financiamento o terían moi complicado”. Neste sentido, considerou moi importante a posibilidade de que tanto a UE como a Xunta incrementen as súas achegas económicas no futuro.

O encontro, no que participaron representantes de moi diversos sectores do tecido socioeconómico dos seis concellos limítrofes coa Ría de Pontevedra integrados no GALP (Bueu, Marín, Sanxenxo, Poio, Meaño e Pontevedra), abordou o traballo desenvolvido nos tres primeiros anos do programa da entidade, estudou a posible necesidade de redistribuír os fondos existentes entre os eixes máis atractivos do programa para os promotores, así como a validación dos criterios de avaliación dos proxectos e si fora preciso algún reaxuste.

Laura Nieto lembrou que as aportacións recollidas no Foro e nas diferentes iniciativas dos traballos de avaliación intermedia, achegarán unha serie de conclusións dirixidas a que a entidade poida seguir contribuíndo á dinamización local sostible do territorio, especialmente naqueles sectores máis ligados ao mar, así como afrontar os retos e oportunidades existentes para aumentar a súa capacidade de xerar cambios a nivel local.

Neste sentido, os resultados desta avaliación serán tidos en conta para definir accións para o traballo do GALP a curto prazo, entre 2019 e 2021; e servirán de base de cara á definición da súa estratexia para o seguinte programa marco de financiamento europeo, entre os anos 2021 e 2027.

Durante a xornada, a directora do Museo Massó, Covadonga López, analizou o factor de desenvolvemento local que supón o patrimonio, partindo da experiencia do centro que dirixe. “O turismo cultural é o máis sostible de todos”, sinalou, para defender a aposta que as administracións e a sociedade deben facer para potencialo, respectando o patrimonio, a historia e a identidade dos pobos”.

Tamén engadiu que o Massó neste momento “é o máximo expoñente museístico do patrimonio marítimo de Galicia”, o que repercute, despois de moito tempo de traballo, implicando á veciñanza, ao desenvolvemento cultural e económico de Bueu e O Morrazo.

Así mesmo, leváronse a cabo dous obradoiros participativos orientados a persoas interesadas en presentar proxectos ás distintas convocatorias de financiamento do GALP, nos que se deron as pautas fundamentais a ter en conta á hora de preparar as iniciativas, da súa tramitación e do seu desenvolvemento.

No tempo do xantar houbo unha degustación de produtos do mar, procedentes da Ría de Pontevedra. Finalmente, o Foro rematou cunha visita guiada ao Museo Massó.