Aprobadas as recomendacións finais da avaliación intermedia
O GALP Ría de Pontevedra aproba as recomendacións finais da avaliación intermedia que promoven cambios no tramo final do período de execución (2020 – 2021)
O pasado día 16 o GALP Ría de Pontevedra celebrou unha Asemblea Xeral Extraordinaria para a aprobación das novas condicións para o financiamento de proxectos entre 2020 e 2021. As novidades derívanse da Avaliación Intermedia, un proceso de auditoría participativa que dende maio revisou a actividade do GALP entre 2016 e 2018. As entidades socias representadas o mércores consensuaron unha nova distribución do remanente de fondos entre os 5 obxectivos estratéxicos para o desenvolvemento sostible da zona costeira habida conta de que o obxectivo de diversificación está sobre executado. Tamén se abordou a introdución de cambios nos criterios de baremación dos proxectos que se presentan ás convocatorias da entidade e a delimitación dunha das medidas dentro das cales o GALP viña financiando proxectos, relacionada coa rehabilitación e construción de inmobles con fins turísticos. Ao afectaren estas modificacións ao documento marco que guía a acción da entidade, a súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo, serán comunicadas á Consellería do Mar; que as valorará e decidirá o convinte da súa entrada en vigor nas vindeiras convocatorias de axudas para a dinamización dos sectores máis ligados ao mar da Ría de Pontevedra.


Por último, decidiuse propor unha delimitación nunha das medidas dentro das cales a entidade financia proxectos: a mellora da oferta das instalación hostaleiras de baixo impacto ambiental dentro da zona costeira. De ser validado o cambio pola Consellería do Mar, nas seguintes convocatorias deixarían de ser subvencionables polo GALP Ría de Pontevedra os proxectos destinados a apertura de apartamentos turísticos, construción e rehabilitación de inmobles con fins turísticos.














