Máis de 800 alumnos de institutos de Bueu, Marín, Poio, Pontevedra, Sanxenxo e Meaño participan no proxecto Remuda Xeracional impulsado polo GALP
Técnicos do GALP Ría de Pontevedra imparten máis de 20 obradoiros informativos e guían saídas educativas a entidades e empresas do sector marítimo-pesqueiro para que os alumnos coñezan as posibles saídas laborais e como se desenvolven estas profesións no seu día a día.
Máis de 800 alumnos e alumnas dos distintos institutos públicos e concertados de Bueu, Marín, Poio, Pontevedra, Sanxenxo e Meaño están a participar no proxecto ‘Remuda xeracional, Cal é o teu oficio?’, impulsado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra (GALP) para informar e dar a coñecer á mocidade o sector marítimo – pesqueiro e as posibilidades laborais que ofrece o mundo do mar.

O programa realízase en dúas fases. A primeira, xa practicamente rematada, constou de 21 obradoiros, a través dos cales amósanse aos/ás participantes os diferentes oficios vinculados co sector e as titulacións académicas necesarias para desenvolver ditas profesións.

O pasado venres 8 de novembro comezamos esta segunda fase do proxecto coa realización dunha visita ás empresas Amegrove e Polymade, a través das cales alumnos/as do IES Sanxenxo tiveron a oportunidade de ver as novas tecnoloxías aplicadas á produción, elaboración e comercialización de moluscos bivalvos e á construción de embarcacións de pesca de baixura, así como os distintos perfís profesionais e oficios asociados. Ata finais de decembro, levaranse a cabo, cando menos, outras oito saídas con alumnos dos institutos participantes no programa.















