A Ruta dos Faros de Galicia chega á Ría de Pontevedra
A RUTA DOS FAROS DE GALICIA CHEGA Á RÍA DE PONTEVEDRA PARA PERCORRER O CABO UDRA E COÑECER O MUSEO MASSÓ, EN BUEU
A organización amplía o número de prazas para que os interesados se poidan anotar e participar
A Ruta dos Faros de Galicia (na que se inclúe o GALP Ría de Pontevedra) chega este vindeiro sábado á Ría de Pontevedra co seu programa ‘Andainas Culturais’, que ten en marcha desde o mes de outubro e que culminará a mediados de decembro despois de levar a cabo oito saídas.
Este vindeiro sábado a actividade chega á Ría de Pontevedra para percorrer o CABO UDRA e visitar o MUSEO MASSÓ e o PORTO DE BUEU, en xornada de mañá e tarde.
Deste xeito, tal como sinala a organización, “teremos ocasión de coñecer e gozar do impresionante Cabo Udra, unha auténtica xoia natural con visitas ó Parque Nacional das Illas Atlánticas”, ao que se suma a visita ao Museo Massó, cunha colección histórica fundamental especializada no mundo do mar e ao propio porto de Bueu, un dos máis importantes de Galicia no que respecta á pesca de baixura e ao marisqueo.
A visita comezará ás 12.00 horas coa visita ao Museo e seguirá, a continuación, ás 13.00 cun paseo polo porto de Bueu. Pola tarde, ás 16.00 horas, os participantes volverán reunirse no aparcamento da praia de Ancoradouro, á entrada do Cabo Udra, para iniciar a andaina.
O programa ao que pertence esta visita inclúe oito andainas de cinco kilómetros cada unha e pensadas para uns 40 participantes (neste caso o número amplíase para tentar dar resposta á gran demanda existente). Trátase de visitas guiadas arredor dalgúns dos puntos máis destacados do noso litoral, cos faros como protagonistas. “Lugares sempre fascinantes que, no outono, semellan aínda máis máxicos”, sinala a organización.
A participación é gratuíta e as actividades son axeitadas para públicos de todas as idades, polo que desde o GALP Ría de Pontevedra convidamos a todos os interesados a inscribirse e participar, gozando das vistas, historias e o patrimonio que van a atopar en cada saída, nomeadamente, na de CABO UDRA deste vindeiro sábado.
A organización tamén convida a aproveitar as xornadas para coñecer mellor a Ruta dos Faros de Galicia e a nosa costa. Na web da Ruta pódese atopar información sobre os Restaurantes Km 0 MarGalaica que, ao longo do litoral, ofrecen pratos co mellor do marisco e da pesca artesanal, así como unha chea de aloxamentos e actividades para aproveitar ao máximo o noso mar.
O público pode atopar información actualizada antes de cada saída no Facebok da Ruta dos Faros de Galicia.
https://www.facebook.com/RutaFarosGalicia/videos/536357040266398/