Pontevedra pon en valor o seu produto pesqueiro local

  • Profesionais da restauración e a pesca reúnense para sensibilizar e concienciar sobre o valor engadido do produto local

  • Os coloquios e as degustacións culinarias, preparadas por Pepe Solla e Juan Castiñeira, xiraron arredor da ameixa

A acción promocional do ciclo Pesca, Cultura e Gastronomía – Da Praza ao Prato, organizado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro GALP Ría de Pontevedra, chegou a Pontevedra. Despois de celebrarse nas últimas semanas en Portonovo, Meaño, Marín e Bueu, recalou este luns na cidade do Lérez, na que foi a última sesión desta proposta.

O Espazo Gastronómico da Praza de Abastos foi o lugar escollido para acoller este evento no que se deron cita representantes do GALP Ría de Pontevedra, da Praza de Abastos de Pontevedra, persoal técnico da Lonxa de Campelo e os chefs Juan Castiñeira e Pepe Solla. Dadas as restricións derivadas da Covid-19, puideron asistir de forma presencial 15 persoas, mais a xornada púidose seguir por streaming desde o Facebook de Pescado Artesanal (/Pescado.artesanal), chegando a decenas de persoas.

Cunha hora aproximada de duración, a sesión tiña como obxectivo achegar ás persoas consumidoras información sobre os beneficios do produto local e de proximidade (km0), e promover o consumo do peixe artesanal da ría de Pontevedra.

Na charla-coloquio visibilizouse aos profesionais que forman parte da cadea produtiva da pesca artesanal e o GALP Ría de Pontevedra presentou a plataforma Pescado Artesanal, unha web para a comercialización conxunta das capturas provenientes da pesca artesanal da ría mediante un sistema de avisos de captura e oportunidades de comercialización de peixe e marisco do día.

Pola súa banda, Andrés Simón, técnico da Lonxa de Campelo, falou sobre as diversas modalidades de marisqueo e artes de pesca que se desenvolven na ría. Así mesmo, explicou o funcionamento da comercialización e o sistema de control de calidade ao que se someten as capturas da zona e abordou a problemática derivada do furtivismo, poñendo o foco na necesidade de consumir peixes e mariscos que conten con todas as garantías de calidade e trazabilidade.

A continuación, Lola de Pescados Lolita e María del Carmen de Mariscos Vilaxoán, como representantes da Praza de Abastos de Pontevedra resolveron as dúbidas dos asistentes sobre onde mercar produto pesqueiro local, os diferentes tipos de ameixa que se poden atopar no mercado, ou como limpar, preparar e conservar este bivalvo. Lola e María del Carmen enumeraron os múltiples beneficios do consumo de produto local.

O público puido conversar cos poñentes sobre os seus hábitos de compra, destacando a importancia de mercar nas prazas de abastos polo trato personalizado que ofrecen e todo o coñecemento que teñen sobre a procedencia e tratamento do produto.

    

A acción Pesca, Cultura e Gastronomía – Da Praza ao Prato rematou coa preparación e degustación de dúas receitas nos que ameixa foi a gran protagonista. As propostas foron realizadas polos chefs Pepe Solla de Casa Solla e Juan Castiñeira do restaurante O Bioco. Solla presentou un prato de fabes ao curry verde con ameixas ao tempo que debullou algunhas técnicas para conservar este molusco. E Castiñeira cociñou ameixa babosa con boletus edulis á tixola ao aroma de ourego de Poio mentres lles contou aos asistentes as posibilidades culinarias que ofrece este tipo de ameixa e outros consellos.