O Galp Ría de Pontevedra presenta RELEVO2 nos centros de ensino da contorna da ría
- ‘RELEVO 2_Mocidade Abordo’ é unha iniciativa de carácter formativo de achegamento do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola ao alumnado dos centros de ensino de secundaria
Aló menos oito centros de secundaria e 345 rapaces e rapazas da contorna da Ría de Pontevedra van participar no proxecto RELEVO2_Mocidade Abordo, unha iniciativa que quere trasladar ao alumnado, de xeito ameno, dinámico e práctico, as posibilidades do sector pesqueiro, en particular e da economía azul en xeral, para que coñezan as oportunidades formativas e laborais que ofrece e, así, formar parte do relevo xeracional que o sector precisa.
Esta mañá realizouse a presentación oficial do proxecto na área da Ría de Pontevedra no Sagrado Corazón de Placeres (Pontevedra) da man da presidenta do GALP Ria de Pontevedra, María del Carmen Vázquez Nores, a xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto, e do oceanógrafo, David Torres, que forma parte da asistencia técnica do proxecto, xunto ás tamén oceanógrafas María Calvo e Yolanda Ruiz. Esta presentación marca o pistoletazo de saída do proxecto na área de influencia deste GALP, un dos impulsores de RELEVO2.
“Para o GALP Ria de Pontevedra este proxecto é unha das nosas apostas cara o futuro do territorio vinculado a un medio sostible e que proporcione un medio de vida con futuro ás novas xeracións. O GALP Ría de Pontevedra dá continuidade agora de forma cooperativa con outros GALPs ao labor que xa comezou no ano 2018, difundindo as oportunidades de emprego que achega a economía azul ao territorio e este modelo de desenvolvemento á mocidade”, explica Laura Nieto.
Entre outubro e decembro, o alumnado de 4º da ESO dos centros de secundaria (IES de Sanxenxo, Sagrado Corazón de Placeres, IES de Poio, IES Abrente, IES Johan Carballeira, IES Mestre Landín, IES Meaño e IES Chan do Monte) participará en actividades que van desde sesións nos centros de ensino a visitas, tendo aoportunidade de coñecer e ter acceso a profesionais e entidades de relevancia do sector pesqueiro.
Ata 50 IES dos territorios dos seis GALPs (Ría de Pontevedra, Ría de Vigo – A Guarda, Ría de Arousa, Golfo Ártabro Sur, Golfo Ártabro Norte e A Mariña – Ortegal) impulsores de RELEVO2 participan nun proxecto que chegará a máis de 2.000 alumnos e alumnas.
O proxecto RELEVO2
A través do proxecto colaborativo RELEVO2_Mocidade Abordo os seis GALPs pretenden trasladar ao alumnado de centros de ensino de secundaria, as posibilidades que ofrece o sector na nosa comunidade.
Entre os obxectivos do proxecto está o por en valor o sector pesqueiro entre a comunidade escolar en idade de traballar e/ou de escoller estudos superiores. Así como o de valorizar o sector pesqueiro en termos económicos, dando a coñecer a demanda real existente para diferentes postos de traballo no mar e dando a coñecer as saídas profesionais existentes no mesmo.
O programa divídese en tres bloques principais de contidos centrados na pesca e acuicultura, a transformación e a comercialización, e o turismo. Dentro de cada bloque traballaranse unha serie de contidos, ben a través de sesións de formación e divulgación ou ben mediante a visita de diferentes persoas profesionais do sector.
O proxecto RELEVO2020
Este mércores, celebrouse o acto de clausura do proxecto RELEVO2020 no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. A iniciativa estivo liderada polo GALP Ría de Arousa e nela participaron os GALPs A Mariña-Ortegal, Golfo Ártabro Norte, Golfo Ártabro Sur e Costa Sostible, xunto ao GALP Ría de Pontevedra, que exerceu de socio colaborador, trasladando a súa experiencia como promotor do programa Remuda xeracional. Cal é o teu oficio?.
Na xornada interviñeron María Vales e Rosa Carballo, presidenta e xerente do GALP Ría de Arousa, e José Antonio Pérez Sieira, presidente da Federación Galega das Confrarías de Pescadores, así como o alumnado deste programa formativo que compartiron as súas aprendizaxes cos asistentes.
Tralo peche desta iniciativa, que tiña por obxectivo fomentar o relevo xeracional no sector pesqueiro a través da formación da xuventude, é agora RELEVO2 quen recolle o seu propósito para seguir a traballar nese eido.