Representantes do Galp de Pontevedra visitan Canarias para coñecer experiencia de pescaturismo e turismo mariñeiro
- Esta visita de estudo enmárcase dentro do proxecto Mar das Illas no que participan os GALP Ría de Arousa, Ría de Vigo – A Guarda e Ría de Pontevedra
Entre o 26 e o 30 deste mes, unha delegación conformada por representantes dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra, Ría de Arousa e Ría de Vigo – A Guarda realizarán unha viaxe ao arquipélago canario como parte das visitas de estudo a outros territorios enmarcadas dentro do proxecto de cooperación Mar das Illas sobre turismo mariñeiro e pescaturismo.
“A visita é conxunta dos tres GALPs das Rías Baixas que veñen colaborando desde o ano 2017 no proxecto Mar das Illas, explorando as posibilidades de diversificación para o sector pesqueiro”, explica a xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto.
Membros das xuntas directivas e persoal técnico dos GALP así como das entidades que conforman as xuntas directivas dos tres grupos permanecerán cinco días nas illas de Gran Canaria e Lanzarote coñecendo as experiencias desenvolvidas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Gran Canaria e Lanzarote ao redor do turismo mariñeiro e pescaturismo, así como a actividade pesqueira en reservas mariñas e espazos naturais protexidos.
“O obxectivo da visita é coñecer modelos de xestión de espazos naturais protexidos e a súa relación coa pesca costeira artesanal e as posibilidades de diversificación dos pescadores en zonas con alto desenvolvemento turístico”, concreta a xerente do GALP Ría de Pontevedra.
Durante esta semana visitarán os Grupos de Acción Costeira de Gran Canaria e Lanzarote, así como diversos proxectos relacionados co tratamento e transformación dos produtos pesqueiros e o turismo, diferentes espazos naturais e patrimoniais relacionados co mar e a pesca, e as confrarías de pescadores de Agaete, La Graciosa, Mogán, Castillo del Romeral e Arrecife. Desde o GALP Ría de Pontevedra fan unha valoración moi positiva desta viaxe: “Encontros como este son importantes pois reforzan as relacións entre entidades de ambos territorios permitindo compartir experiencias que repercuten positivamente tanto no sector pesqueiro como a nivel social, no conxunto da cidadanía”, afirma a xerente.
A delegación do GALP Ría de Pontevedra está conformada por dez persoas: a presidenta do GALP e patroa maior da Confraría de Lourizán, María del Carmen Vázquez; a xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto Zas, o patrón maior da Confraría de Pontevedra, César Rodríguez Piñeiro, o secretario da Confraría de Bueu, José Barreiro Gómez, a vicepatroa da Confraría de Raxó, María Elena Padrín, o patrón maior da Confraría de Portonovo, Juan Jośe Besada, a presidenta da Asociación Cultural de Mulleres do Mar de Poio, Raquel Gómez Moreira, un representante da Irmandade Illa de Tambo, Miguel Ángel Aris Abilleira, a tenente de alcalde do Concello de Poio, Consuelo Besada, e a axente de emprego do Concello de Bueu, Sonia
Cabodevila Portela.
Mar das Illas
O proxecto Mar das Illas, promovido polo GALP Ría de Pontevedra, en colaboración co GALP Ría de Arousa, o GALP de Vigo – A Guarda, o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra e a Asociación Mar Seguro de Galicia, ten como obxectivo promocionar o emprendemento do turismo mariñeiro e pesca turismo entre o colectivo de
profesionais e os seus familiares nas Rías Baixas, especialmente no ámbito do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. O proxecto conta co respaldo da Consellería do Mar e está financiado polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).
A Rede Europea de Zonas de Pesca (FARNET) recoñeceu o ano pasado a Mar das Illas como proxecto de boas prácticas pola súa contribución á diversificación do sector e á posta en valor da cultura mariñeira e da biodiversidade da zona.
No marco deste proxecto foron tuteladas vinte iniciativas empresariais e puxéronse en marcha seis proxectos piloto de turismo mariñeiro e pescaturismo. Ademais, organizouse a I Xornada Internacional sobre Turismo Mariñeiro e Pescaturismo e realizáronse tres Xornadas Abertas á Cidadanía para dar a coñecer estas actividades.
Ao abeiro de Mar das Illas, realizáronse accións formativas nas que 229 profesionais do mar puideron formarse como Guías Acreditados en turismo mariñeiro e pescaturismo no ámbito do Parque Nacional. Así mesmo, elaboráronse guías eprotocolos sobre atención ao cliente, atención a persoas con discapacidade, emprendemento e protocolos socio-sanitarios contra a COVID-19.