A Rede REMA reúne en Redondela a responsables de comunicación de cinco museos de referencia en España
- O Reina Sofía, Casa Natal Picasso, o Pompidou de Málaga, Casa Vicens Gaudí e a Colección do Museo Ruso compartirán as súas estratexias de comunicación co público asistente
- A xornada celébrase o venres, 12 de novembro, no Multiusos de Redondela
- O evento enmárcase no proxecto Pasaporte REMA, financiado polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP) e no que participan os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) galegos
Reforzar a presenza dixital e crear seccións que favorezan a interacción cos usuarios. É o traballo que os museos aceleraron para facer fronte ao contexto provocado pola pandemia. Para difundir estas novas ideas, a Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA) celebra o venres, 12 de novembro ás 9:30 horas, a xornada Comunicación e redes sociais en espazos museísticos. O evento, que combina formato presencial e en liña, celébrase no Multiusos de Redondela (Pontevedra).RE
A cita servirá para descubrir as novidades postas en marcha no Museo Casa Natal Picasso, no Centro Pompiduou de Málaga e na Colección do Museo Ruso. A directora de comunicación destes tres centros culturais de Andalucía, Gema Chamizo, será a encargada do relatorio inaugural: “o usuario demanda experiencias, sensacións; e saber como trasladar e convidarlle a que o faga é o obxectivo e o resultado dunha comunicación eficaz. Comunicar non é só saber escribir ou expresarse verbalmente”, avanza Gema Chamizo.
Ademais, o Reina Sofía, que figura entre os 20 museos máis visitados do mundo en 2020, estará presente nesta cita da man do seu responsable de prensa, Concha Iglesias Otheo de Tejada. Con máis de 30 anos de profesión, Iglesias sempre estivo relacionada coa comunicación institucional, especialmente, de carácter cultural.
Outro dos centros que estará presente en Redondela é Casa Vicens Gaudí. Neste caso, intervirá a súa directora de comunicación, Pilar Delgado, que ademais é docente en másteres de Xestión Cultural e que, en 2006, lanzou El Dado del Arte, bitácora pioneira sobre comunicación cultural e arte contemporánea.
O programa do próximo 12 de novembro complétase coa presenza do blogueiro Nacho Granero, que escribe sobre comunicación en liña de institucións culturais e o uso de novas tecnoloxías na arte e o patrimonio; todo iso no espazo La Cultura Social. Nacho Granero tamén traballou como community manager en institucións culturais en Barcelona.
As persoas interesadas en asistir á xornada deben inscribirse previamente a través do correo electrónico info@redrema.eu.
Adhesión do Museo Meirande
Coincidindo con esta xornada, Redondela acolle o acto de adhesión do Museo de Meirande á Rede Rema. Por iso, o evento contará coa presenza de directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez; a Xerente do Grupo de Acción Local Ría de Vigo – A Guarda e da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.
PASAPORTE REMA
Pasaporte REMA, proxecto financiado polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP), ten como obxectivo desenvolver unha actividade turística creativa e adaptada a unha nova realidade. Para iso, o proxecto pon en marcha unha serie de actividades informativas, formativas e culturais que se apoian nas novas tecnoloxías, como nova canle de aprendizaxe, entretemento, formación e promoción da oferta cultural dos espazos que compoñen a Rede REMA. Un total de 36 museos das costas atlánticas de Galicia, Portugal e Asturias integran esta rede que prevé expandirse a todo o arco atlántico europeo.