Que deron de si os proxectos de cooperación durante o 2021?

O GALP Ría de Pontevedra segue a apostar pola cooperación interterritorial da man dos Grupos de Acción Local Pesqueira galegos co obxectivo de reforzar as súas bases sociais, visibilizar os proxectos beneficiarios das axudas que xestionan e poñer en valor o patrimonio e a cultura mariñeira e fomentar o relevo xeracional no sector do mar.

Durante o 2021, o GALP Ría de Pontevedra participou nos seguintes proxectos:

Un mar en común: A afouteza da xente do mar. O obxectivo desta iniciativa é valorar a incidencia dos GALP no territorio onde foron implantados. Detectaranse as debilidades e fortalezas co propósito de detectar aqueles mecanismos que poden supoñer unha mellora da participación e un avance no valor das dinámicas identitarias no relativo ao traballo ligado ao mar.

Ao longo do ano pasado realizáronse 80 entrevistas semi-dirixidas e en profundidade a persoas e colectivos asociados aos GALP que participan neste proxecto, 20 entrevistas por cada un deles (A Mariña-Ortegal, Ártabro Norte, Ártabro Sur e Ría de Pontevedra). Tamén se desenvolveron accións formativas que buscan cohesionar o grupo de participantes, composto polos asociados do GALP, facendo fincapé nos aspectos en comúns e nas colaboracións que se poden levar a cabo no territorio.

Bitácoras do mar. A finalidade deste proxecto é destacar os resultados da execución do programa do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, reforzando a gobernanza cos axentes do territorio e o papel que desempeñan os GALP nas zonas costeiras, como axentes que contribúen ao desenvolvemento local.

O obxectivo principal é recoller as leccións aprendidas e boas prácticas na xestión do FEMP, analizando o seu impacto na economía azul e poñendo en valor o traballo feito.

Pasaporte REMA. O propósito desta iniciativa é impulsar a conservación e a difusión do patrimonio material e inmaterial ligado a cultura mariñeira atlántica exposta nos espazos con contido museístico localizados nos territorios dos GALP galegos, configurando novos contidos culturais que permitan explotar o atractivo común e conectar co público mais mozo.

Ao abeiro deste proxecto creouse o selo REMIÑA, organizáronse sorteos, seminarios, exposicións temporais ou o Campionato Espace Room para alumnado de 1º e 2º da ESO,  escape room dirixido a centros educativos.

RELEVO 2_Mocidade Abordo. Trátase dun proxecto de carácter formativo e divulgativo co que pretenden trasladar ao alumnado de centros de ensino de secundaria, as posibilidades que ofrece o sector na nosa comunidade.

Búscase:

  • Poñer en valor o sector pesqueiro entre a comunidade escolar en idade de traballar e/ou de escoller estudos superiores.
  • Valorizar o sector pesqueiro en termos económicos, dando a coñecer a demanda real existente para diferentes postos de traballo no mar e dando a coñecer as saídas profesionais existentes no mesmo.
  • Ofrecer unha formación máis cuantitativa, que pretende achegar a realidade do sector pesqueiro en termos de oportunidades laborais, a fin de captar persoas que conformen ese relevo xeracional.

Actualmente están a participar 51 centros de ensino dos territorios dos seis GALP que promoven a iniciativa (Ría de Vigo – A Guarda, Ría de Arousa, Golfo Ártabro Sur, Golfo Ártabro Norte, A Mariña Ortegal e Ría de Pontevedra), o que supón un total de 2.110 escolares de 4º E.S.O.

Consultade as memorias dos catro proxectos: