Falamos con Miguel Alonso, antropólogo no proxecto ‘Un mar en común’

Entrevistamos a Miguel Alonso Cambrón, antropólogo no proxecto Un mar en común: A afouteza da xente do mar, unha iniciativa cooperativa coordinada polo GALP Ría de Pontevedra e na que participan os GALP Ártabro Norte, Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal.

Dentro do proxecto Un mar en común: A afouteza da xente do mar levouse a cabo un traballo de investigación para diagnosticar a situación na que se atopa o sector e puxéronse en marcha unha serie de accións para impulsar a cooperación e a colaboración interterritorial. Un mar en común está estruturado en catro fases, na primeira tiveron lugar as entrevistas aos integrantes das asociacións que forman parte dos GALP para coñecer as súas opinións; na segunda realizáronse varias xornadas de formación/ interacción segundo as necesidades trasladadas por cada grupo; na terceira, fixéronse formacións interterritoriais, e por último, na cuarta fase, publicaranse os resultados acadados durante a investigación e propoñerase un manual de boas prácticas que sirva de guía para manter a dinamización do tecido asociativo no futuro.

Para coñecer mellor o proxecto e ver en que punto está, entrevistamos a un dos antropólogos do equipo de traballo, Miguel Alonso.

A estas alturas o proxecto Un mar en común xa rematou a parte de entrevistas. Cantas se realizaron?

Un mar en común é un proxecto de cooperación entre catro GALP, Ría de Pontevedra, os dous Ártabros, norte e sur, e a Mariña-Ortegal; polo que realizamos entrevistas nos catro territorios e fixemos oitenta en total, vinte en cada GALP.

Rematada a fase de traballo de campo, iniciouse a fase de formación interterritorial.

Si, nun primeiro momento fixemos o traballo de campo, é dicir, tanto as entrevistas como a observación etnográfica. Despois fixemos unha primeira rolda de formacións que tiñan como obxectivo crear unha sorte de comunidade formativa. E logo, fixemos a análise das entrevistas e desas accións. Tras todo ese traballo, iniciouse a fase das formacións interterritoriais que están enfocadas a paliar o que detectamos e vimos que ocorría grazas ao traballo de campo.

Que necesidades detectades grazas ao voso traballo?

Detectamos o que chamamos vectores narrativos, é dicir, temas que se repiten, temas recorrentes que saíron nas entrevistas e que observamos que eran os máis febles dentro da cadea de valor dos GALP. Por un lado, hai cousas máis transversais e cousas máis particulares. Transversais, por exemplo, os vínculos e ligazóns ás responsabilidades que existen nas relacións entre a institución, entendendo os GALP, e os usuarios. A percepción da cadea de valor a nivel institucional preséntase como un impedimento cara a mellora das relacións dos GALP co seu público potencial.

E logo está o tema de comunicación e divulgación. Moita xente, usuarios e usuarias, contaba que cando ían aos GALP había moi boa relación persoal coas técnicas, que a atención personalizada e presencial moi ben, pero que había unha falta de intelixibilidade na comunicación online. As páxinas web, por exemplo, non estaban claras e seguen todas o mesmo patrón. Algúns GALP teñen a maiores webs ou blogs nos que especifican formación e axudas pero é un traballo que non o fai a propia institución senón que o fan as propias técnicas porque detectan estas necesidades.

Nesta mesma liña está o tema que ten que ver co estilo de comunicación das institucións. Parece que o estilo de comunicación responda máis a unha normativa interna da institución que a transmitir información e axudar á xente guiándoos por todo o proceso da solicitude de axudas, de subvencións.

Logo está o tema que sae en tódalas entrevistas, a maraña burocrática deste tipo de axudas, que vén das instancias europeas que queren confirmación de moitas cousas. As persoas usuarias piden máis claridade a este respecto.

Saltou algún outro vector narrativo ou tema recorrente?

O tema do relevo xeracional aparece como unha preocupación bastante patente. Hai un envellecemento do tecido laboral e demandan estratexias para paliar isto, como artellar algún tipo de estratexia para recuperar un pouco esas franxas de idade perdidas. Isto relaciónase co tipo de tratamento que se fai do recursos. Dicíanos unha das persoas entrevistadas: “O noso verdadeiro polígono industrial está na costa”. O mar é unha fonte de recursos bastante importante por iso tamén propuxemos un obradoiro de investigación social e cultural para diversificar o tipo de proxectos.

A grandes trazos esas serían as liñas a tratar nas formacións interterritoriais?

Si, xa se fixo unha xornada en Ribadeo sobre xestión comunicativa a cargo do experto en comunicación Roberto Pérez Marijuán. Houbo unha segunda xornada de investigación social e cultural o 27 de maio en Bueu e quedan outras dúas: o laboratorio de iniciativas específico sobre financiamento europeo e outra de procesos participativos que terán lugar o vindeiro 16 de xuño.

Que tal foi a acollida deste proxecto por parte do tecido asociativo e do persoal técnico?

Considero que ben. Ao principio no tecido asociativo había desconfianza pero unha vez explicado o proxecto e grazas á mediación do persoal técnico, estupendo. A colaboración foi absoluta, nas entrevistas xurdían cousas e detectamos temas que o persoal técnico podía intuír pero que non se explicitaran. A relación entre as persoas asociadas e o persoal técnico é bastante boa, hai confianza. Hai variabilidade entre os GALP que investigamos pero en conxunto ben. Tamén son conscientes de que a burocracia non é cuestión do persoal técnico, senón que chega imposta de Europa e saben que o persoal técnico está aí para axudalos.

O obxectivo final é fortalecer o asociacionismo, a cooperación e a colaboración entre os GALP e de cara a súa relación coa cidadanía e as administracións.

Si, nos GALP existe unha preocupación pola súa falta de presencia. Gustoulles o proxecto e detectamos as debilidades na cadea de valor, que funciona, que non, que estratexias seguir, que facer para vincular ao tecido asociativo aos GALP. Desde o tecido asociativo creo que a xente ten moitas ganas de que se lle escoite e de compartir as súas experiencias e ven positivo que se lles preste atención as súas problemáticas, dúbidas, etc.

Persoalmente, gustoume ver como hai colaboración entre os GALP de Galicia e outras zonas. Algo bastante espontáneo, son eles os que organizan xuntanzas para poñer en común problemáticas, boas prácticas, etc.

Como antropólogo que supón realizar un proxecto de investigación destas características e achegarse a un colectivo tan específico como o do mar?

É un privilexio poder traballar e poñer en práctica a nosa formación. Este proxecto partiu do GALP Ría de Pontevedra que é o promotor do proxecto. Logo fixemos reunións de desenvolvemento metodolóxico para decidir que técnicas empregar e logo o traballo en si. O máis intenso foi o das entrevistas porque había que desprazarse a moitos sitios pero coa pandemia moitas foron online, aínda que tamén nos desprazamos para ver in situ como funcionan as cousas.

A min encantoume traballar tanto coa xente da administración como coa xente ligada aos oficios do mar porque a todos os antropólogos gústanos moito o patrimonio inmaterial. Cando aprendemos, aprendemos con isto que se chamaba antes pobos primitivos. Así que achegarse a algo tan antigo como é extraer recursos do mar e ver como se mantiveron artes de pesca tradicionais e este tipo de cousas gustoume. E gustoume moito traballar cando estivemos pola zona de Ferrol coa xente que se dedica ao marisqueo e aos percebes porque é unha xente bastante brava que che fala directamente sen almofadas e eu agradezo iso. Gocei desa interacción e de coñecer outras formas de vida que doutro xeito só coñecería a través de documentais e de noticias en prensa. Creo que fai falta divulgar máis estas formas de vida porque son parte do que son as dinámicas identitarias en Galicia.

*Fotografía: O antropólogo Miguel Alonso Cambrón. JAVIER QUIROGA