O Galp Ría de Pontevedra traballa na nova estratexia de desenvolvemento local cooperando coas entidades e a cidadanía
- O proceso participativo identificará as necesidades territoriais e definirá liñas de actuación para a súa mellora
A primeira acción foi un proceso aberto de participación para a elaboración da nova EDLP no que podían participar tanto entidades como cidadanía. A EDLP é o documento que orientará a aplicación do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA) no período de fondos europeos 2021-2027.
A través deste encontro, tanto o sector pesqueiro como as institucións, as entidades sociais e a cidadanía axudaron a identificar as necesidades do territorio da Ría de Pontevedra e a definir liñas de actuación para mellorar a súa situación. Este proceso aberto replicarase en novas reunións presenciais e virtuais. As persoas interesadas tamén poden participar a través da web e das redes sociais do Galp Ría de Pontevedra.
A segunda acción da tarde foi a Asemblea Xeral do Galp que congregou a máis de trinta representantes de diferentes entidades. Durante este encontro discutiuse a adaptación dos estatutos ao novo período de fondos europeos 2021-2027. Así mesmo, explicáronse en detalle as etapas do procedemento participativo que concluirá coa elaboración da estratexia, documento que se presentará á Consellería do Mar a finais do mes de setembro.
Desde o Galp Ría de Pontevedra valoran positivamente a participación tanto da cidadanía no primeiro proceso como das entidades socias na asemblea. As súas aportacións axudarán a trazar unha nova EDLP que dará resposta aos desafíos territoriais. Uns retos que van desde a creación de emprego, a aposta pola innovación, o relevo xeracional no sector pesqueiro e a consolidación de proxectos emprendedores, ata a sostibilidade medio ambiental e o coidado e preservación do patrimonio cultural pasando polo reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e da gobernanza dos recursos pesqueiros.