O GALP Ría de Pontevedra convoca a súa Asemblea Xeral o día 23 de febreiro

  • A reunión abordará temas vitais para a comunidade pesqueira e mariñeira e para a sostibilidade da ría de Pontevedra
  • A reunión pretende poñer ao día aos asociados coas convocatorias de axudas e tamén á propia entidade coa renovación da súa xunta directiva

O Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra (GALP-RP) convoca a todos os seus membros á Asemblea Xeral Extraordinaria que se celebrará o venres, 23 de febreiro de 2024, no Museo Torres de Marín ás 19:30 horas.

Entre os puntos destacados da orde do día atópanse a aprobación das contas do ano 2023, a ratificación do orzamento para 2024, e a elección da nova Xunta Directiva. Ademais, exporanse as liñas de axudas dispoñibles ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) para o ano 2024 e presentaranse os proxectos aprobados durante o ano anterior.

O GALP-RP, desde a súa fundación, ten sido unha peza clave no impulso de proxectos que fomentan o desenvolvemento sostible e o benestar da comunidade costeira na área da Ría de Pontevedra. A Asemblea Xeral Extraordinaria é un evento significativo onde se toman decisións importantes que afectan directamente á xestión do programa de axudas na área de influencia do GALP Ría de Pontevedra.

Os membros que desexen asistir á Asemblea poden confirmar a súa presenza chamando aos números de teléfono 698 180 887 ou 886 21 30 15. Desde o GALP inciden na importancia da participación activa dos membros na Asemblea para asegurar unha representación equitativa e unha toma de decisións democrática.