O GALP Ría de Pontevedra elixe nova Xunta Directiva
O pasado 23 de febreiro o GALP Ría de Pontevedra celebraba a súa Asemblea Xeral Extraordinaria co propósito de abordar temas cruciais para a comunidade pesqueira e mariñeira, así como para a sustentabilidade da ría de Pontevedra.
Entre os puntos destacados da orde do día atopábanse a presentación das liñas de axudas FEMPA 2021-2027 no marco da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), a aprobación das contas do ano 2023, a ratificación do orzamento para o 2024, e a elección da nova Xunta Directiva.
Nesta liña, os membros do GALP-RP reelixiron, por unanimidade, a María del Carmen Vázquez Nores, representante da Confraría de Pescadores de Lourizán, como presidenta. Silvia Carballo González (Concello de Bueu) foi designada como vicepresidenta, Ángel Moldes Martínez (Concello de Poio) como secretario e Paula Martínez Santos (Concello de Sanxenxo) como tesoureira. A Xunta Directiva complétana 15 vogais, en representación das diferentes entidades e administracións que conforman as catro mesas sectoriais do GALP (sector pesqueiro, económico e laboral, público e social).
A nova Xunta Directiva asume a responsabilidade de liderar o GALP-RP nun momento crucial, onde a colaboración e a coordinación entre os diferentes actores involucrados son fundamentais para enfrontar os desafíos presentes e futuros do sector.