Preto dunha trintena de proxectos concorren ás axudas xestionadas polo GALP Ría de Pontevedra

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra (GALP-RP) recibiu preto dunha trintena de solicitudes na convocatoria das axudas da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027.

Dos 29 proxectos inscritos ata o momento, a maioría son de carácter social fronte aos de tipo empresarial e localízanse, principalmente, nos concellos de Sanxenxo e Poio. En canto ás partidas económicas, os investimentos rozan os 5 millóns de euros sendo o importe das axudas solicitadas nesta convocatoria de máis de 2,5 millóns de euros (2.713.430).

Respecto á Estratexia do Desenvolvemento Local Participativa (EDLP), presentáronse proxectos para os cinco obxectivos que se abriron nesta convocatoria (todos agás o de cooperación): mellora da competitividade e posta en valor da actividade pesqueira, marisqueira e acuícola; fomento da economía azul; promoción do patrimonio medioambiental; fomento do patrimonio cultural e do benestar social; reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e fortalecemento da cooperación. Os propósitos que máis iniciativas suman son os dous primeiros: mellora da competitividade do sector e impulso da economía azul. De feito, oito dos promotores pertencen ao sector pesqueiro. Neste eido, destacan os proxectos que buscan contribuír á mellora das infraestruturas e dos equipamentos das confrarías e as súas asociacións; por outra banda, no ámbito privado, abundan os de diversificación económica cara o sector turístico.

A posta en valor do percebe a través da pescaturismo, a promoción do traballo das mulleres no mar, o fomento da economía circular, a implantación de deportes náuticos adaptados como a vela ou a realización dun taller sobre a cociña dos barcos, son algunhas das propostas que concorren a esta convocatoria de axudas.

Nas vindeiras semanas, trala revisión dos proxectos, o GALP Ría de Pontevedra dará a coñecer a listaxe definitiva dos que se propoñen para a adxudicación das axudas.