O GALP Ría de Pontevedra visita Almería para participar na Sesión Plenaria da REGP

  • Tres días de evento con sesións e intercambios de experiencias e boas prácticas entre grupos pesqueiros de todo o país
  • As redes tanto española e europea tiveron o seu espazo de presentación de actividades

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra vén de participar na Sesión Plenaria da Red Española de Grupos de Pesca (REGP), celebrada en Almería do 21 ao 23 de maio. O evento, organizado en colaboración coa Junta de Andalucía e o Grupo de Acción local de Pesca y Acuicultura (GALPA) Almería a Levante., tivo lugar no Salón de Actos do Centro de Cultura de Cajamar, na Casa das Mariposas.

A inauguración da sesión contou coa presenza de figuras institucionais como a directora xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación (MAPA), Aurora de Blas; o director xeral de Pesca e Acuicultura da Junta de Andalucía, José Manuel Martínez; a alcaldesa de Almería, María del Mar Vázquez; e o presidente do GALPA Almería a Levante, Pedro Hernández.

A delegación do GALP Ría de Pontevedra, encabezada pola súa presidenta, María del Carmen Vázquez Nores e a xerente, Laura Nieto Zas, participou nas diversas actividades programadas ao longo dos tres días do evento, tomando parte activa nas sesións e intercambio de experiencias e boas prácticas co resto de grupos pesqueiros presentes.

O primeiro día, 21 de maio, logo da benvida institucional por parte das autoridades locais e nacionais, fíxose a entrega de recoñecementos a proxectos destacados no ámbito da economía azul. Tamén tiveron cabida na axendas as sesións técnicas sobre a situación e os resultados do Desenvolvemento Local Participativo (DLP) no marco do FEMP e do FEMPA.

As distintas comunidades autónomas presentes expuxeron os resultados do traballo dos Grupos no período FEMP resaltando que esta foi a única medida do FEMP na que se produciu a execución completa dos fondos. No que se refire ao comezo do período FEMPA, existen grandes diferenzas entre comunidades autónomas, destacando Galicia que leva xa dúas convocatorias de axudas con un total de 64 proxectos aprobados.

Na última xornada cobraron os grupos un  maior protagonismo mediante a presentación de experiencias inspiradoras por parte de varios GALs de España con diferentes temáticas como as actividades náuticas deportivas, a gobernanza, o papel da muller no sector pesqueiro, os recursos naturais submarinos e a artesanía vinculada á recuperación de residuos mariños.

Abordouse o tema da cooperación poñéndose unha vez máis de manifesto a dificultade para a mesma por falta de harmonización entre as diferentes comunidades autónomas reclamando os grupos que dende a Secretaría xeral de pesca ben se defina unha convocatoria de cooperación ou ben que se procure á coordinación das convocatorias autonómicas de cooperación.

Para finalizar, as redes tanto española e europea tiveron tamén o seu espazo de presentación de actividades.

O GALP Ría de Pontevedra aproveitou estas xornadas para o intercambio de coñecementos que impulsarán novas iniciativas e proxectos na Ría de Pontevedra. Este tipo de encontros son esenciais para impulsar novas iniciativas e proxectos que contribúan ao progreso económico, social e ambiental das comunidades costeiras.