O GALP Ría de Pontevedra aposta pola promoción dos produtos de proximidade, especialmente os da pesca costeira artesanal
- A entidade mantivo unha reunión para abordar accións de apoio e promoción aos mercados e produtos da pesca costeira artesanal
Esta mañá, celebrouse na Oficina técnica do GALP Ría de Pontevedra, situada no edificio da Lonxa do Porto de Marín, unha xornada dedicada ao apoio e promoción dos mercados e produtos da pesca costeira artesanal.
O evento, organizado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra (GALP-RP), contou cunha ampla participación de profesionais do sector marítimo-pesqueiro e marisqueiro do territorio, así como representantes dos mercados da área de influencia do GALP-RP que participaron activamente na xornada intercambiando experiencias e propostas para mellorar a comercialización e promoción dos produtos locais, así como ideas de apoio e promoción aos mercados.
«Os mercados locais son fundamentais na economía e cultura da ría de Pontevedra. Con esta xornada queremos buscar estratexias para reforzar a súa actividade e destacar a calidade dos produtos, especialmente os do mar procedentes das lonxas locais, que teñen nos mercados o seu maior escaparate» explicou a xerente do GALP, Laura Nieto Zas.
A pesca artesanal é unha actividade, cuxa presenza nos portos e vilas costeiras non só imprime un carácter e cultura únicos, senón que tamén contribúe ao mantemento da poboación local e á dinamización económica.
Durante a xornada, abordáronse temas como a importancia de ofrecer servizos de calidade nos mercados para o que fai falla o traballo conxunto das administración e profesionais que traballan por e para eles: concellos, administración autonómica e praceiros, tanto de forma individual como a través das súas asociacións son actores claves para que os mercados consigan pervivir no tempo.
Consideramos que nos mercados son espazos clave para a promoción do produto local no que os praceiros fan non só unha actividade económica senón que tamén contribúen á difundir e axudar a identificación dos produtos capturados na Ría de Pontevedra, aspectos que permiten garantir a súa orixe e incrementar o seu valor no mercado.
Para fomentar e promover a comercialización do produto do mar de quilómetro 0 nos mercados de abastos, considerouse primordial desenvolver accións de fomento e promoción que garantan que os produtos locais, especialmente, os produtos do mar procedentes das actividades pesqueiras, marisqueiras e acuícolas, se convertan nun activo e referente nos mercados e prazas de abastos.
Na reunión se traballou na posta en marcha de acción promocionais conxuntas para desenvolver dende os concellos, ou ben dende as asociacións de praceiros ou incluso accións individuais destes para a mellora dos seus negocios que poden contar co apoio e o financiamento do GALP.
Tamén se abordaron accións promocionais a desenvolver polo GALP. Entre elas ás actividades de promoción dos comercializadores e restauradores vinculadas á pesca costeira artesanal a través do selo pescadoartesanal do que é titular o GALP Ría de Pontevedra e a celebración dunha xornada de promoción da innovación nas prazas de abastos que se desenvolverá en outubro
Estas medidas non só reforzarán o consumo de proximidade, senón que tamén procurarán a contribución ao desenvolvemento sostible e á conservación dos recursos mariños, consolidando o papel da pesca costeira artesanal como un motor económico e cultural esencial para a ría.
EDLP
Esta xornada insírese no marco da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP Ría de Pontevedra, a folla de ruta que orienta todas as accións e proxectos da entidade co obxectivo de promover un desenvolvemento sostible das actividades pesqueiras, marisqueiras e acuícolas na área de influencia do GALP. Esta estratexia está deseñada para mellorar o benestar social e económico da comunidade local, aumentando o valor dos produtos do mar, creando emprego, fomentando a innovación e atraendo ás novas xeracións cara ao sector marítimo. A EDLP aposta pola conservación do patrimonio natural e cultural, garantindo que as prácticas pesqueiras e marisqueiras sexan respectuosas co medio ambiente e que contribúan ao mantemento da biodiversidade mariña.