O GALP Ría de Pontevedra reparte máis dun millón e medio de euros entre unha vintena de proxectos
- As iniciativas sitúanse nos municipios de Sanxenxo, Meaño, Poio, Pontevedra, Marín e Bueu
Un total de 19 iniciativas promovidas por persoas emprendedoras e entidades foron aprobadas na última convocatoria das axudas da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e de Acuicultura (FEMPA), xestionadas polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra (GALP-RP), na área do Grupo (Sanxenxo, Meaño, Poio, Pontevedra, Marín e Bueu).
Máis dun millón e medio de euros repartiranse entre os proxectos repartidos por todo o territorio, nos que priman os de carácter social fronte ós de tipo empresarial. As axudas cobren entre o 45% e o 100% da inversión.
Restaurantes e hospedaxes que conservan e promoven o patrimonio do mar, novas rutas de pesca turismo e turismo mariñeiro, deportes acuáticos adaptados (como o paddle surf ou a vela), divulgación de estudos científicos entre os mariscadores e mariscadoras ou melloras no acceso a areais, nas prazas de abastos, nas embarcacións das lonxas para o coidado dos bancos marisqueiros, son algunhas das propostas seleccionadas. Todas elas deseñadas en base á Estratexia do Desenvolvemento Local Participativa (EDLP) coa que se busca mellorar a competitividade do sector, fomentar a economía azul e o benestar social ou promocionar o patrimonio medioambiental e cultural.
A semana pasada, os promotores beneficiarios das axudas puideron resolver as súas dúbidas respecto á execución e xustificación dos proxectos nunha xornada informativa organizada polo GALP-RP e celebrada na Biblioteca Pública Municipal Vidal Pazos de Marín.
O GALP-RP
Desde a súa creación, o GALP-RP desempeña un papel moi importante na dinamización da área da ría de Pontevedra. Formado por entidades públicas e privadas representativas dos sectores pesqueiro, económico e social, así como polos concellos de Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño, o GALP-RP colabora na xestión dos recursos do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA). O seu labor céntrase no desenvolvemento sustentable da zona marítimo-pesqueira da ría, buscando mellorar as condicións de vida e as oportunidades das comunidades locais, ao tempo que se asegura a conservación dos seus recursos mariños e do seu patrimonio natural e cultural. Para máis información poden consultar a Estratexia do Desenvolvemento Local Participativa (EDLP) 2023-2027 do Grupo.