O GALP Ría de Pontevedra fórmase en Romanía para buscar solucións innovadoras ao cambio climático

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra (GALP-RP), como parte da súa aposta pola innovación no sector marítimo e pesqueiro, participa estes días no OpenLivingLab Days 2024 en Timișoara (Romanía), o evento internacional máis importante de Living Labs, da man de FARCLIMATE.

O obxectivo principal do encontro é capacitar ás rexións na implementación de medidas que axuden a combater os desafíos climáticos en sectores clave como a pesca, a agricultura ou a silvicultura, facendo fronte ás barreiras sociais, políticas e económicas que adoitan presentarse.

Deste xeito, o GALP Ría de Pontevedra busca afianzar o seu compromiso coa sustentabilidade e a resiliencia climática, traballando en conxunto con outros actores europeos para afrontar os retos do cambio climático desde unha perspectiva local, pero con visión global, e con solucións innovadoras.

O OpenLivingLab Days, organizado pola Rede Europea de Living Labs (ENoLL), ofrece unha ampla variedade de actividades, dende sesións interactivas, talleres ata visitas de campo, nas que explorar o papel dos Living Labs como espazos cruciais para a innovación social, tecnolóxica e ambiental.

Presentación dos proxectos aprobados na convocatoria de axudas 2024

O vindeiro 2 de outubro, o GALP Ría de Pontevedra celebrará a súa Asemblea Xeral Ordinaria ás 19:30 horas no Museo Torres de Marín e a continuación os promotores presentarán os proxectos aprobados na convocatoria de axudas 2024 da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

Un abano de novas iniciativas que contribúen á mellora da competitividade do sector, ao fomento da economía azul e do benestar social e á conservación e difusión do patrimonio medioambiental e cultural da nosa ría.

En canto á asemblea, ademais de abordar aquelas cuestións básicas respecto ao funcionamento do grupo, procederase á aprobación do cambio de local.

Para participar na Asemblea Xeral Ordinaria prégase confirmar asistencia chamando aos teléfonos 698 180 887 / 886 21 30 15 ou enviando un correo electrónico a gacpontevedra@gmail.com.