O GALP Ría de Pontevedra aposta pola cooperación entre rexións pesqueiras coa súa viaxe a Tenerife

Esta semana, representantes do Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra, Ría de Arousa e Ría de Vigo – A Guarda embárcanse nunha viaxe de estudo a Tenerife co obxectivo de intercambiar experiencias e coñecer proxectos innovadores vinculados ao sector pesqueiro e acuícola da illa. Esta iniciativa enmárcase dentro do compromiso dos GALP galegos de promover o desenvolvemento sostible das zonas costeiras e fomentar a cooperación entre as diferentes rexións pesqueiras.

Durante a visita, os participantes teñen a oportunidade de coñecer de primeira man as boas prácticas levadas a cabo en diferentes confrarías de pescadores e centros pesqueiros de Tenerife. Entre estas iniciativas atópase a mellora da calidade dos produtos pesqueiros, a promoción do papel da muller na pesca ou a conservación dos fondos mariños, todos elas desenvolvidas en colaboración co Grupo de Acción Costeira (GAC) de Tenerife. Ademais, realizaranse presentacións de proxectos a cargo dos seus promotores locais, o que contribúe a unha análise profunda das propostas e o seu impacto no territorio.

En palabras da xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto: “Esta actividade permite aos membros da Xunta Directiva coñecer de primeira man a posta en marcha de proxectos de promoción do sector pesqueiro, non só dos produtos, senón tamén das profesións relacionadas co mar. Atopamos tan lonxe iniciativas moi semellantes ás que desenvolvemos nós, como é o caso de Pescado Artesanal, unha marca para a pesca artesanal local á que acompañamos de actividades para dar a coñecer as vantaxes dos peixes e mariscos locais”.

Os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro traballan por mellorar a competitividade do sector pesqueiro e acuícola, preservar o medio mariño e fomentar o benestar social das persoas que dependen destas actividades.

Na seguinte ligazón podes consultar o Informe da visita.