Sanxenxo acolle a xornada de dinamización dos mercados locais ‘O noso mercado ten moito mar’

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra organiza o vindeiro luns 21 de outubro unha xornada que ten como obxectivo central a dinamización dos mercados locais, promovendo o consumo dos produtos frescos locais, en especial daqueles procedentes da pesca e o marisqueo.

Baixo o lema ‘O noso mercado ten moito mar’, o encontro busca abordar os principais desafíos aos que se enfrontan os mercados locais, desde a importancia de adaptarse ás novas demandas das persoas consumidoras sen esquecer a súa tradición, proximidade e trato personalizado, ata a análise de estratexias que reforcen a identificación destes espazos coa calidade e o prestixio, potenciando á vez a súa actividade comercial e converténdoos en polos de atracción turística.

O Hotel Carlos I Silgar, en Sanxenxo, acollerá o evento que dará comezo ás 10:00 horas e se prolongará ata as 13:30 horas para rematar cunha degustación de petiscos tradicionais. A xornada está dirixida, especialmente, a profesionais e representantes do sector, técnicos e representantes dos Concellos que teñen un papel importantísimo na xestión dos mercados locais. Para poder asistir é preciso anotarse enviando un correo electrónico a gacpontevedra@gmail.com ou ben chamando ao 886 21 30 15. As persoas inscritas recibirán un correo electrónico no que se lles confirme a súa praza, xa que son limitadas.

Contarase coa participación de diversos representantes e voces expertas da Consellería do Mar, a Concellería de Emprego, Comercio e Inmigración, así como de entidades como a Federación Nacional de Asociacións Provinciais de Empresarios Detallistas de Peixes e Produtos Conxelados (FEDEPESCA) ou o Mercado de Abastos de Santiago de Compostela.

Curso de Artesanía con Redes en Marín

Por outra banda, o GALP Ría de Pontevedra pon en marcha unha nova actividade centrada na tradición mariñeira. Trátase do Curso de Artesanía con Redes, que acollerá o local da Asociación de Mulleres Virxe do Porto, en Marín, todos os xoves dende o 17 de outubro ata o 19 de novembro. O taller será impartido pola Asociación de Redeiras Atalaia A Guarda de 17:00 a 20:00 horas.

Esta actividade enmárcase no compromiso do GALP por preservar e transmitir o saber mariñeiro ás novas xeracións e poñer en valor a artesanía vinculada ao mundo da pesca.

O curso está aberto a todos os públicos e para inscribirse é necesario chamar ao 886 213 015. As prazas son limitadas.

Quizais tamén che guste