O GALP Ría de Pontevedra promove a cooperación entre o sector pesqueiro galego e portugués a través dunha visita de estudo
- Unha delegación da Associação para o Desenvolvimento Sustentável da Região Saloia coñece algúns dos proxectos que están a dinamizar a ría de Pontevedra
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra recibiu a visita dunha delegación da Associação para o Desenvolvimento Sustentável da Região Saloia (A2S), entidade portuguesa que xestiona tanto fondos europeos de desenvolvemento de zonas costeiras coma rurais.
O obxectivo da visita foi dar a coñecer proxectos innovadores a ambos lados da ría de Pontevedra promovidos polo sector pesqueiro e polo sector público. A delegación tivo ocasión de coñecer tanto o traballo da Confraría de Pescadores de Bueu como o Estaleiro da Banda do Río ou o Museo Massó, tres paradas esenciais para aproximarse á actividade marítima local. Tamén en Bueu, e da man da concelleira de Promoción Económica, Silvia Carballo, e a técnica de Emprego e Desenvolvemento Local, Sonia Cabodevila, visitaron as rutas mariñeiras que foron obxecto do proxecto desenvolvido polo concello ao longo deste verán.
A continuación achegáronse á Lonxa de Campelo, onde se lles presentou a iniciativa de XESMAR, unha aplicación, accesible a través de web e aplicación móbil, que mellora a xestión e comercialización dos produtos pesqueiros. A experiencia completouse en Combarro, coa presentación do proxecto de pescaturismo de Yago Tomé, e cunha visita guiada á vila realizada por unha das persoas formadas no programa de guías turísticos do Concello de Poio, que puxo en valor o patrimonio cultural e natural de Combarro e da Illa de Tambo.
Durante toda a visita, a delegación portuguesa estivo acompañada por María del Carmen Vázquez Nores, presidenta do GALP Ría de Pontevedra, e a xerente da entidade, Laura Nieto, xunto aos representantes das entidades promotoras. Por unha banda, a concelleira de Urbanismo do Poio, Rocío Cochón; desde a Confraría de Pescadores de Bueu, o seu patrón maior José Manuel Rosas e a súa secretaria Rosana Solla; e por parte da Lonxa de Campelo, Andrés Simón, asistente técnico, e Pablo Dorgambide de Qualigy Solutions.
A importancia da cooperación transfronteiriza
Esta iniciativa reafirma o compromiso do GALP Ría de Pontevedra coa cooperación entre territorios costeiros, favorecendo o intercambio de coñecementos e a xeración de sinerxías que beneficien ao sector pesqueiro. «A colaboración con entidades como a Associação para o Desenvolvimento Sustentável da Região Saloia non só enriquece o noso traballo, senón que fortalece as nosas comunidades pesqueiras, apostando por un desenvolvemento máis sostible e innovador», destacou María del Carmen Vázquez Nores.