O GALP Ría de Pontevedra destina máis dun millón de euros en axudas a proxectos dinamizadores do sector marítimo pesqueiro

  • Un total de 17 proxectos resultan beneficiarios na convocatoria de axudas 2024
  • Os municipios de Sanxenxo e Poio reúnen o maior número de iniciativas
  • Apertura inminente da nova convocatoria de axudas 2025

O Grupo de Acción Local (GALP) do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra destinou un total de 1.253.639 euros en axudas durante o pasado ano a aquelas iniciativas, impulsadas por particulares, asociacións e administracións, destinadas ao desenvolvemento sostible da ría de Pontevedra. As axudas, enmarcadas no Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027, contan cun financiamento do 70 % por parte do FEMPA e do 30% por parte da Consellería do Mar.

A metade dos 17 proxectos que resultaron beneficiarios das axudas, dez de tipo social e sete de empresarial, sitúanse no primeiro obxectivo estratéxico, mellora da competitividade e posta en valor da actividade pesqueira, marisqueira e acuícola, da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP. Séguenlles os encadrados no segundo obxectivo, impulso da economía azul (sete), e o cuarto obxectivo, fomento do patrimonio cultural e do benestar (dous).

Os concellos que reúnen un maior número de iniciativas son Sanxenxo (cinco), Poio (cinco) e Bueu (tres). Tanto Marín e Meaño suman cadanseus dous proxectos.

Proxectos de tipo social

Os proxectos de tipo social son aqueles promovidos por entidades sen ánimo de lucro e administracións. Nesta categoría destacan iniciativas como a impulsada polo Concello de Bueu para facilitar a divulgación do seu patrimonio marítimo, cultural, produtivo e ambiental, ou as lideradas polos Concellos de Poio e Meaño para a capacitación de guías de turismo patrimonial ou a mellora das instalacións e posta en valor da súa praza de abastos, respectivamente.

En canto ás confrarías, o proxecto de San Martiño en Bueu céntrase en facilitar a accesibilidade á lonxa e instalar unha máquina de clasificado de polbo alimentada con enerxía fotovoltaica. E o de San Roque de Portonovo ten como obxectivo mellorar os servizos prestados aos provedores e á clientela da lonxa coa adquisición e posta en marcha da máquina estibadora de terra. Pola súa banda, a Lonxa de Campelo ten dúas iniciativas: a dotación de equipamento axeitado para a embarcación encargada do coidado dos bancos marisqueiros e a celebración dunha batería de xornadas para facerlles chegar directamente ás/aos mariscadoras/es os estudos máis relevantes nos que participou a entidade nos últimos anos.

No relativo ás iniciativas das entidades deportivas, as axudas do GALP permítenlle a Imua Paddle Surf Club Aguete contar con novo material para os adestramentos funcionais na praia e ao Real Club Náutico de Sanxenxo continuar a desenvolver o seu proxecto ‘Mar sen Barreiras’ co que promover a vela adaptada e as regatas inclusivas, garantindo a accesibilidade ao ámbito náutico para persoas con discapacidade. E, pola súa banda, ao Club de Piragüismo Cofradía de Pescadores de Portonovo contribuír á difusión da actividade pesqueira e á concienciación sobre a contaminación mariña, especialmente entre escolares e colectivos sociais, a través das rutas en kayak que organizan.

Proxectos de tipo empresarial

O maior volume de iniciativas empresariais localízanse no eido turístico. En Poio, contamos co  proxecto de pesca turismo do patrón maior de Raxó e presidente da lonxa de Campelo, Yago Tomé, a bordo do seu ‘Abuelo Sebas’. Pola súa banda, Xosé Xulian Ferradás, pescador de navalla artesanal na ría de Pontevedra, pon en valor a pesca artesanal e o medio natural e patrimonial da ría con Carballal Experience, unha proposta de turismo experiencial en autocaravanas ecolóxicas; o primeiro servizo destas características en Galicia.

Por parte de Eolo Náutica SLU, en Sanxenxo, buscan ampliar a oferta de turismo náutico na zona coa adquisición dunha embarcación accesible. Pola de Rías Altas Expres SL traballan na revitalización dunha casa rural para o turismo mariñeiro en Meaño e, desde Fraga do Rei SL, buscan construír apartamentos turísticos en Poio.

Por último, os outros dous proxectos de tipo empresarial son: o é Restaurante, afincado nunha casa rehabilitada do casco histórico de Marín, cuxa oferta gastronómica se basea na sostibilidade e na promoción dos produtos pesqueiros e marisqueiros da zona. E o de Gomezuhia Inversiones SL, empresa pertencente ao sector da recollida e tratamento de residuos, que incorpora aos seus servizos a reciclaxe e xestión de residuos metálicos, promovendo, deste xeito, a economía circular.

Nova convocatoria de axudas 2025

Proximamente abrirase a nova convocatoria de axudas do GALP Ría de Pontevedra para a anualidade 2025. Esta nova liña de subvencións seguirá a mesma filosofía de apoio ao desenvolvemento local sostible das áreas pesqueiras da ría, fomentando proxectos innovadores e sostibles que contribúan á diversificación económica e á preservación do medio mariño. As bases da convocatoria e o prazos de presentación de solicitudes publicaranse na páxina web do GALP Ría de Pontevedra.

Aquelas entidades, administracións ou particulares que estean a traballar nun proxecto que pode encaixar na nova convocatoria de axudas poden contactar co GALP, dende este mesmo momento, para asesorarse sobre o procedemento, a través do teléfono 886 213 015 ou do correo electrónico gacpontevedra@gmail.com.