Máis de 1,5 millóns de euros en axudas para impulsar o sector pesqueiro da Ría de Pontevedra
- Aberta a convocatoria de axudas do GALP Ría de Pontevedra para a anualidade 2025
- O prazo de presentación dos proxectos está aberto ata o 21 de marzo
- Marín, Poio, Sanxenxo, Meaño e Pontevedra acollen cadansúa xornada informativa para achegarlle a convocatoria á cidadanía interesada
O GALP Ría de Pontevedra inicia unha campaña informativa sobre a apertura da nova convocatoria das axudas FEMPA 2021-2027 para a anualidade 2025, dirixidas a impulsar proxectos que contribúan ao desenvolvemento sostible da Ría de Pontevedra. As axudas contan cun financiamento do 70% por parte do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e do 30% por parte da Consellería do Mar.
O GALP Ría de Pontevedra xestionará máis dun millón e medio de euros en axudas para os proxectos do seu territorio (Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño) que teñan vinculación ao mar e a economía azul, especialmente, todos aqueles vinculados ao sector pesqueiro.
A convocatoria de axudas está rexida pola ORDE do 12 de febreiro de 2025, que establece as bases reguladoras para a concesión de axudas ás iniciativas deseñadas ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP). O prazo para presentar as solicitudes está aberto dende este sábado, 22 de febreiro, ata o 21 de marzo.
Xornadas de presentación da convocatoria
O GALP Ría de Pontevedra, en colaboración cos Concellos e demais entidades do territorio, organiza para os vindeiros días unha batería de xornadas de presentación das axudas para dar a coñecer a convocatoria ao tecido empresarial, asociacións, entidades do sector pesqueiro e público en xeral.
Estas xornadas teñen como propósito detallar as bases da convocatoria, resolver dúbidas e guiar ás persoas e entidades interesadas no proceso de solicitude. Logo dunha pausa – café reanudarase a sesión coas persoas interesadas que queiran ter un asesoramento na redacción dos proxectos.
As sesións informativas celebraranse en Marín, no Espazo Emprendedor o 27 de febreiro ás 19:00 horas. En Poio, a xornada terá lugar o 28 de febreiro ás 19:00 horas no Casal de Ferreirós e en Sanxenxo o 3 de marzo ás 11:00 horas na Sala Nauta. O 5 de marzo celebraranse os encontros en Bueu, no Centro Social do Mar ás 11 horas, e en Meaño, ás 17:30 horas na Casa da Cultura. En Pontevedra, a xornada organízase en colaboración con ABANCA – Mar. Será a Sede Afundación a que acollerá a sesión informativa o vindeiro 6 de marzo ás 17:00 horas. En colaboración coa Autoridade Portuaria celebrarase unha xornada no Porto de Marín, dirixida especialmente as empresas do Porto. Terá lugar no Auditorio do Edificio de Operacións Portuarias do Porto de Marín o 7 de marzo ás 11:00 horas
O GALP Ría de Pontevedra anima a todas as persoas e entidades con ideas ou proxectos vinculados ao mar, e que contribúan ao desenvolvemento sostible e integrado da Ría de Pontevedra, a asistir a estas xornadas para coñecer de preto as oportunidades de financiamento dispoñibles para as súas iniciativas. Para asistir é preciso inscribirse no seguinte formulario.
Así mesmo, o GALP Ría de Pontevedra ofrecerá tamén este ano un servizo de titorización a disposición das persoas interesadas en presentar os seus proxectos a esta convocatoria de axudas. Será presentado no transcurso das sesións informativas.
As entidades, administracións ou particulares que estean desenvolvendo un proxecto susceptible de encaixar na convocatoria de axudas poden poñerse en contacto co GALP a través do teléfono 886 213 015 ou do correo electrónico gacpontevedra@gmail.com.