Os GALP de todas as zonas costeiras de España reclaman á Unión Europea e ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación garantías para o futuro do Desenvolvemento Local Participativo nas zonas pesqueiras
Os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de España, presentes en 44 zonas costeiras e representantes de máis de 1.200 entidades vinculadas ao sector marítimo-pesqueiro, fan público un Manifesto en defensa do Desenvolvemento Local Participativo (DLP) e solicitaron unha reunión urxente co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, co obxectivo de abordar o futuro do modelo no próximo marco financeiro europeo 2028–2034.
O documento, asinado conxuntamente polos GALP españois, lembra que o DLP é unha ferramenta eficaz, participativa e esencial para a cohesión territorial, con resultados amplamente contrastados: durante o período FEMP 2014–2020, os GALP impulsaron 2.645 proxectos, cun investimento superior aos 170 millóns de euros, acadando un 96% de execución dos fondos previstos.
O Manifesto destaca que o DLP:
- reforza a cohesión territorial e social das comunidades costeiras
- Impulsa a sostibilidade, a innovación e a diversificación da Economía Azul.
- Facilita a gobernanza compartida entre administracións, sector pesqueiro, empresas e entidades sociais.
- Permite financiar proxectos que dificilmente accederían a outras vías de apoio.
Así mesmo, os GALP alertan de que a posible integración do DLP dentro do enfoque LEADER suporía un retroceso, pois ambos modelos responden a realidades territoriais e socioeconómicas moi diferentes.
Por este motivo, os GALP remiten unha carta ao ministro Planas para trasladar de xeito directo a posición común do sector e as súas propostas para reforzar o seu papel no próximo FEMPA 2028–2034.
A presidenta do GALP Ría de Pontevedra que asina o Manifesto en representación de todos os GALPs de Galicia quixo destacar que o sector Pesqueiro participa dende hai máis de quince anos nos órganos de dirección dos GALPs, estando presididos todos eles en Galicia por membros do Sector Pesqueiro, traballando conxuntamente con entidades locais públicas e privadas pola sostibilidade económica, ambiental e social das zonas costeiras.
Os GALP españois reiteran que as comunidades pesqueiras “non piden privilexios, senón confianza e medios para seguir sendo motor de desenvolvemento, innovación e sostibilidade no litoral español e europeo”.














