Pesca Saúde chega á Praza de Abastos de Pontevedra para promover o consumo de peixe e marisco fresco e local

  • O proxecto, liderado polo GALP Ría de Pontevedra e financiado polo FEMPA, promove hábitos alimentarios saudables con descontos, sorteos e actividades divulgativas nos mercados
  • Os establecementos de peixe e marisco da praza poderán sumarse a unha iniciativa que reforza o papel das prazas de abastos como espazos clave para o consumo de produto do mar de proximidade

O proxecto Pesca Saúde, impulsado polos Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), chegou recentemente á Praza de Abastos de Pontevedra cun encontro cos establecementos de venda de peixe e marisco fresco para presentar unha campaña que busca impulsar o consumo de produto pesqueiro local e fomentar hábitos alimentarios saudables.

A iniciativa forma parte dun proxecto de cooperación promovido polos GALP de Galicia e financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), co apoio da Consellería do Mar. O seu obxectivo é promover o coñecemento dos beneficios nutricionais do peixe e marisco e facilitar a súa incorporación á dieta diaria da cidadanía.

Durante o encontro, informouse ás praceiras e praceiros das accións previstas na campaña e das vantaxes de participar como establecementos colaboradores. Nas últimas semanas, o equipo do proxecto xa visitou as prazas de abastos de Sanxenxo, Portonovo e Bueu, onde a iniciativa está a ter unha boa acollida entre os profesionais da venda de peixe e marisco.

Descontos, sorteos e showcookings

As persoas que participen nas actividades de Pesca Saúde recibirán vales desconto de 5 euros para empregar nas peixarías adheridas á campaña entre o 15 de abril e o 30 de xuño. Ademais, poderán participar en sorteos de menús degustación de produto pesqueiro para dúas persoas en establecementos de hostalaría local.

Para participar nos sorteos será necesario xuntar tíckets de compra de produto pesqueiro por un mínimo de 60 euros realizados nos establecementos participantes durante o período da campaña.

A iniciativa completarase con demostracións de cociña en vivo (showcookings) nas prazas e mercados, nas que se elaborarán receitas saudables con peixe e marisco fresco, abertas ao público xeral.

Con esta campaña, o GALP Ría de Pontevedra e o resto de grupos participantes buscan promover o consumo responsable de produtos do mar, apoiar ao sector pesqueiro e marisqueiro e reforzar o vínculo entre alimentación saudable, gastronomía e territorio costeiro.