O GALP Ría de Pontevedra organiza un novo obradoiro de cociña gratuíto en Pontevedra
A Praza de Abastos acollerá o taller, centrado nos produtos mariñeiros da ría, entre os meses de abril e maio- A avaliación intermedia da Estratexia de Desenvolvemento Local avanza cun foro participativo aberto á cidadanía
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra lanza a segunda edición dos Obradoiro de nutrición e cociña con produtos do mar, unha iniciativa que busca promover hábitos de consumo responsables e poñer en valor os recursos mariños de proximidade.
A primeira parada desta edición será en Pontevedra. As sesións, de carácter gratuíto e abertas ao público, celebraranse os días 23 e 29 de abril e 6 e 13 de maio, na Praza de Abastos (primeiro andar), en horario de 16:30 a 18:30 horas. O aforo é limitado, polo que é necesario inscribirse previamente a través do formulario habilitado.
O taller combinará unha parte teórica, centrada na planificación dunha dieta equilibrada, a selección e conservación de alimentos ou o valor nutricional do peixe e do marisco, cunha parte práctica na que as persoas participantes elaborarán receitas con produtos da ría, fomentando así unha aprendizaxe participativa e aplicable ao día a día.
A actividade conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP, aliñada cos obxectivos do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
Con esta iniciativa, o GALP Ría de Pontevedra reforza o seu compromiso coa dinamización do territorio, a educación alimentaria e o fortalecemento do vínculo entre a cidadanía e o sector do mar.
Foro aberto para avaliar e definir o futuro do territorio
No marco do proceso de avaliación intermedia da EDLP, o GALP Ría de Pontevedra celebrará o vindeiro venres 24 de abril, ás 19:00 horas, no Centro Social do Mar de Bueu, o Foro de Avaliación Intermedia aberto á participación da cidadanía e dos axentes do territorio.
Este encontro dá continuidade ao traballo desenvolvido nas mesas sectoriais, nas que se analizaron os resultados das actuacións impulsadas entre 2023 e 2025, período no que se mobilizaron máis de 3 millóns de euros a través do FEMPA para proxectos de innovación, diversificación económica e valorización do patrimonio mariñeiro.
O foro preséntase como un espazo de diálogo e reflexión colectiva para avaliar o camiño percorrido e recoller propostas que permitan adaptar a estratexia ás necesidades reais do territorio, reforzando a gobernanza participativa.
As persoas interesadas en asistir deberán confirmar a súa participación enviando un correo electrónico a: gacpontevedra@gmail.com.















