O artista Luis Davila crea en Bueu un espazo artístico vinculado á cultura mariñeira co apoio do Galp Ría de Pontevedra
- «O Bicheiro pretende desenrolar actividades moi diversas, ao tratarse dun espazo multifuncional, penso que axudará a enriquecer a vida cultural e o patrimonio de Bueu»
O Espazo Artístico O Bicheiro, o novo proxecto do ilustrador e humorista gráfico Luis Davila, comeza a tomar forma en Bueu baixo a premisa de “impulsar a nosa cultura dende este pequeno pobo mariñeiro”. Unha iniciativa que concorreu ás axudas que xestiona o GALP Ría de Pontevedra, ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) o pasado ano, e acadou unha subvención que cobre o 49% do investimento total dunhas obras que se agarda que estean rematas no outono do vindeiro ano.
O Bicheiro nace da vontade de Luis Davila por facilitar o acceso ao seu traballo, que ata o de agora só se podía ver en exposicións puntuais ou visitando o seu taller privado. Con este novo espazo, calquera persoa poderá coñecer a súa arte de forma totalmente libre.

A decisión de situar esta iniciativa en Bueu non foi casual. Así o explica o ilustrador: “O certo é que non se me pasou nin pola cabeza crear este espazo noutro lugar que non fose Bueu. É o pobo onde nacín, onde me inspiro e onde creo. Para min é o lugar de maior beleza. Bueu representa quen son e o que preciso para sentirme feliz, que é o verdadeiramente importante”.
As súas viñetas e pinturas retratan a paisaxe mariñeira, escenas cotiás da xente da costa e dos oficios tradicionais. As mariscadoras, percebeiros, redeiras, peixeiras ou os bateeiros forman parte do seu universo creativo. “Penso que o meu traballo ten unha profunda conexión coa cultura mariñeira. Está inspirado no mar, na pesca e nas nosas tradicións, pero non só a miña obra, senón tamén eu mesmo, é a miña esencia como creador artístico”, conta Davila.
O espazo estará dividido en tres áreas: unha tenda e estudo creativo onde se poderán adquirir as obras e produtos deseñados por Davila; unha galería para exposicións que acollerá creacións propias e doutros artistas; e unha zona para obradoiros e actividades culturais abertas a todo tipo de público. “O Bicheiro pretende desenrolar actividades moi diversas, ao tratarse dun espazo multifuncional, penso que axudará a enriquecer a vida cultural e o patrimonio de Bueu”, engade.
Proxectos como este de Luis Davila son un bo exemplo das ideas que poden facerse realidade grazas ás axudas do GALP Ría de Pontevedra.















