O GALP Ría de Pontevedra organiza un curso de cociña práctica con produto pesqueiro en Sanxenxo

O GALP Ría de Pontevedra organiza o seu primeiro Obradoiro de ‘Batchcooking’ de Pesca Saúde. A actividade consiste nun curso práctico de cociña na que participan profesionais da cociña e nutricionistas. O obxectivo é aprender a organizar sesións de cociñado para preparar menús semanais saudables incorporando produto pesqueiro. O curso desenvolverase nunha sesión de catro horas, o vindeiro venres 30 de outubro, en horario de 17:00 a 21:00 h. Terá lugar no Pazo de Quintáns (Sanxenxo). O cursos é gratuíto e cómpre inscribirse na web do proxecto (pescasaude.gal) ou no teléfono 627 570 949.

O restaurador convidado será Diego Calvete, do Restaurante O Buraco, que estará acompañado por unha nutricionista de Arela Saúde. Con eles, as persoas asistentes coñecerán trucos e técnicas de cociñado e aproveitamento de produto pesqueiro para poder elaborar receitas de forma sinxela para incorporalas nos seus menús semanais.

Ademais, os cursos contará coa participación de representantes do sector pesqueiro, que explicarán ás persoas participantes a importancia do consumo de produto local, os seus métodos de extracción e as especies mariñas que ofrece a nosa contorna.

Programa do curso

O curso porá o foco especialmente no uso de produto pesqueiro de proximidade en menús semanais saudables e nutricionalmente axeitados a cada persoa, creados a partir dunhas poucas receitas que se poden ir combinando en diversos pratos. Para iso, atenderase aos métodos máis eficientes para o cociñado de produtos do mar sen perder o seu sabor e as súas propiedades. Tamén se ensinará que especies son máis axeitadas para a súa conservación na neveira ou no conxelador.

As persoas participantes recibirán un receitario, unha guía de consellos e información nutricional, un mandil e unha bolsa exclusiva feita con redes de pesca reutilizadas e plásticos reciclados elaborada pola Asociación de redeiras de Cariño en colaboración coa Aula Sostible do Freixo (Outes).

Que é Pesca Saúde?

Pesca Saúde nace como resposta ao descenso progresivo do consumo de peixe fresco e ao avance dos ultraprocesados na dieta, unha tendencia asociada ao aumento de enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias. O proxecto defende o consumo regular de produtos do mar non só como unha cuestión dietética, senón como unha estratexia de saúde pública apoiada na evidencia científica, dado o seu papel no benestar cardiovascular, cerebral, óseo, muscular, inmunitario e metabólico.

Con este obxectivo, ao longo de 2026 véñense realizando campañas en centros de saúde, xornadas divulgativas con expertos en medicina e nutrición e actividades en prazas e mercados, incluíndo sorteos e demostracións de cociña en vivo.

A iniciativa está financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través da Consellería do Mar, e nela participan sete GALP que cobren boa parte do litoral galego: Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Costa Sostible, Costa da Morte, Golfo Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal. Conta ademais coa colaboración da Consellería de Sanidade, de xeito que o proxecto une as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) dos GALP coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027.