EDLP 2023-2027
O Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) é o novo fondo das políticas marítima, pesqueira e acuícola da Unión Europea (UE) proposto para o período 2021-2027, en substitución do anterior Fondo Europeo de Pesca (FEMP).
O FEMPA 2021-2027 contribuirá á aplicación da Política Pesqueira Común (PPC) e da política marítima da UE, establecendo as seguintes prioridades:
Prioridade 1: Fomentar a pesca sostible e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos acuáticos.
Prioridade 2: Fomentar as actividades sostibles de acuicultura, así como a transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura, contribuíndo así á seguridade alimentaria na UE.
Prioridade 3: Permitir unha economía azul sostible nas zonas costeiras, insulares e interiores, e fomentar o desenvolvemento das comunidades pesqueiras e acuícolas.
Prioridade 4: Reforzar a gobernanza internacional dos océanos e permitir que os mares e océanos sexan seguros, protexidos, limpos e estean xestionados de maneira sostible.
A Prioridade 3 é a que focaliza o traballo que levan a cabo os Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro, a través da implantación das súas Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) nos territorios.
A EDLP do GALP-RP é a folla de ruta para un desenvolvemento sostible da pesca, da acuicultura e doutras actividades relacionadas co medio mariño na área de influencia da ría de Pontevedra, ao tempo que promove a conservación e posta en valor do seu patrimonio natural e cultural a través dos seguintes obxectivos estratéxicos:
- Obxectivo estratéxico 1. Aumento do valor, creación de emprego, atracción de persoas mozas e promoción da innovación en todas as fases da cadea de produción e subministración dos produtos da pesca e da acuicultura, e a mellora da imaxe destes produtos e a actividade produtiva a nivel local para a súa incorporación á cultura alimentaria do territorio.
- Obxectivo estratéxico 2. Fomento da economía azul nas zonas pesqueiras e acuícolas mediante o apoio á diversificación dentro e fóra do sector da pesca comercial, a aprendizaxe permanente e a creación de emprego nas zonas pesqueiras e acuícolas.
- Obxectivo estratéxico 3. Impulso e aproveitamento do patrimonio medioambiental das zonas pesqueiras e acuícolas, incluídas as operacións de mitigación do cambio climático.
- Obxectivo estratéxico 4. Fomento do benestar social e do patrimonio cultural das zonas pesqueiras e acuícolas, incluíndo o patrimonio cultural pesqueiro, acuícola e marítimo.
- Obxectivo estratéxico 5. Reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e da gobernanza dos recursos pesqueiros e actividades marítimas locais.
- Obxectivo estratéxico 6. Cooperación.