O Casino de Noia acollerá o próximo 12 de decembro a Xornada Técnica Pesca&Turismo, un encontro que reunirá profesionais do mar, representantes das administracións e persoal técnico nun debate aberto sobre o futuro do turismo mariñeiro en Galicia. A actividade desenvolverase en horario de 10:00 a 17:00 horas e forma parte do proxecto Mar e Rías: Pesca&Turismo, promovido polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) galegos.
A iniciativa pretende consolidar un espazo estable de diálogo e coordinación institucional que permita avanzar na profesionalización das actividades de pesca turismo e turismo mariñeiro, consideradas unha vía estratéxica para a diversificación económica das comunidades costeiras.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 10 de decembro a través do formulario de inscrición ou enviando un correo electrónico a pescaeturismo.gal@gmail.com.





