Baixo o lema «Alimentos do Mar, alimentos de Vida», o proxecto Pesca Saúde, impulsado polo GALP Ría de Pontevedra xunto con outros Grupos de Acción Local Pesqueira de Galicia, instalará puntos de información móbiles en Marín, Portonovo e Bueu para amosar os beneficios dos produtos do mar na saúde e coñecer as súas propiedades nutricionais. Ofreceranse tamén degustacións de produtos do mar elaborados por profesionais da restauración nunha “foodbike”. Nestes espazos repartiranse ademais guías de propiedades nutricionais e hábitos de alimentación saudables, así como vales desconto para consumir nos establecementos adheridos á campaña.
Os eventos celebraranse no exterior dos centros de saúde, en horario de 11 a 13 h, o martes 26 de maio (Marín), mércores 27 (Portonovo) e xoves 28 (Bueu) .
Estas actividades completaranse, no mes de xuño, cunhas Xornadas Técnica nas que o cardiólogo Jesús Antonio Casabiell Pintos expoñerá os beneficios do consumo de produto pesqueiro dende a súa especialidade médica.





