• O GALP-RP desempeña un papel crucial no impulso de proxectos que promoven o desenvolvemento sostible e melloran o benestar da comunidade pesqueira

Visita internacional ao Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra (GALP-RP). Un grupo de profesionais do mar de Costa Rica (Instituto Nacional de Aprendizaje) e Perú (Instituto del Mar del Perú), acompañados polo equipo do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), reuníronse co GALP está mañá para coñecer o traballo da entidade a prol do desenvolvemento local das zonas pesqueiras.

Desde a súa fundación, o GALP Ría de Pontevedra é unha peza fundamental no impulso de proxectos que fomentan o desenvolvemento sostible e o benestar da comunidade costeira na área da ría de Pontevedra. A través da xestión das axudas ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e coa Estratexia do Desenvolvemento Local Participativa (EDLP) como folla de ruta, o GALP Ría de Pontevedra traballa man a man con entidades locais para garantir un futuro próspero e sostible para o sector.

A mellora da competitividade e posta en valor da actividade pesqueira, marisqueira e acuícola; o fomento da economía azul; a promoción do patrimonio medioambiental; o fomento do patrimonio cultural e do benestar social; o reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e o fortalecemento da cooperación conforman os obxectivos estratéxicos do grupo.

«O traballo do GALP é transferible a países e áreas en desenvolvemento co obxectivo de promover unha xestión dos recursos naturais baseada na participación dos axentes do territorio. Así é como traballa o GALP, levando á práctica os proxectos que se deciden poñer en marcha polos representantes da poboación. Por iso é tan importante formar parte do Grupo cando este xa existe ou formalo onde aínda non está constituído. Neste sentido, accións como esta son moi importantes para dar a coñecer unha dinámica de desenvolvemento moi proveitosa para a poboación», explicou a xerente do GALP-RP, Laura Nieto.

En Marín, o grupo tamén visitou hoxe o Centro de Formación Aixola, que oferta diversos cursos vinculados ao sector marítimo-pesqueiro, e en Pontevedra a empresa fabricante de aparellos de pesca Tecnopesca P&M. Onte, dentro da zona de influencia do GALP-RP, a delegación desprazouse ata a Lonxa de Campelo e a Praza de Abastos de Bueu.

O percorrido da delegación americana, que comezou o luns, continuará ata o venres da vindeira semana por outras entidades e proxectos de interese para o sector mariñeiro galego, situados en Cangas, Vigo, A Guarda, a Illa de Arousa ou Cambados.

Esta iniciativa conta coa financiación do Fondo de Cooperación Triangular Unión Europea – Costa Rica – América Latina e o Caribe, no marco de ADELANTE 2.