A formación impartiuse en Marín, Raxó e Bueu
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro GALP Ría de Pontevedra continúa a impulsar o uso das novas ferramentas online entre os profesionais do mar co propósito de adaptarse ás novas esixencias do mercado.
Entre os meses de outubro e novembro desenvolveuse o curso ‘WhatsApp Márketing para a venda de produtos e servizos nas prazas de abastos’ nas zonas de influencia do GALP e nestas últimas semanas a oferta formativa completouse co curso «Formación para o uso de ferramentas de reunións en liña», impartido en Marín, Raxó e Bueu e de dúas horas de duración.
Este obradoiro, de carácter práctico, tiña como obxectivo explicar o funcionamento das plataformas empregadas para realizar videoconferencias, tales como Zoom, Cisco Webex Meetings, Jitsi Meet, Skype ou Microsoft Teams, e as funcións que ofrecen cada unha delas. Deste xeito, as 25 de persoas que asistiron ao curso puideron aprender a manexarse con estas ferramentas, xa imprescindibles nas rutinas laborais actuais dadas as restricións de mobilidade e de xuntanzas presenciais.
A maioría dos participantes eran representantes do sector pesqueiro, desde persoal técnico das confrarías ata integrantes de asociacións. Os problemas técnicos derivados do uso destes programas (erros de conexión, problemas co son ou o vídeo) foron un dos aspectos que máis consultas espertou entre os participantes, aos que lles resultaron de grande utilidade a formación.
A formación foi impartida por Jaime Barreiro, experto en estratexia, márketing e analítica dixital, desenvolvemento software e formador en tecnoloxías da información e da comunicación con máis de 15 anos de experiencia. Barreiro é o director executivo de Cactus Dixital e contou co apoio do persoal do GALP Ría de Pontevedra para a posta en marcha do curso.
Esta actividade estivo financiada pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca como actividade de dinamización do GALP Ría de Pontevedra.