Falamos con María del Carmen Vázquez Nores, presidenta do GALP Ría de Pontevedra, quen dende xaneiro de 2019 liderando esta entidade para a promoción dun desenvolvemento sostible e participativo na ría de Pontevedra.

Leva xa 5 anos como presidenta do GALP Ría de Pontevedra. Que a inspirou inicialmente a tomar este rol e como cambiou a súa visión do GALP e a súa misión ao longo dos anos?

A presidencia do GALP recae no sector pesqueiro e foron os meus compañeiros do sector os que me elixiron. Como parte do sector, desde o marisqueo, faime ilusión conseguir cousas para o sector, gústame ter coñecementos e apoiar proxectos novos.

A miña visión cambiou totalmente; desde o descoñecemento inicial do que era un Grupo de Acción Local, este posto é unha aprendizaxe continua, día a día. O grupo ofrece posibilidades de coñecer e intercambiar experiencias con outros lugares e sectores do mar con problemas similares aos nosos e ao mesmo tempo dános a capacidade de melloralos a través dos proxectos que podemos facer, desde a formación, a compra de equipamento…

Como evolucionou a entidade desde a súa creación (2008) ata o día de hoxe?

Os maiores cambios veñen do coñecemento que imos adquirindo do grupo, tanto nós como socios, como o conxunto da sociedade. Ao principio ninguén coñecía o Grupo de Acción Costeira, que así se chamaba, mentres que agora con moita difusión, especialmente nas redes sociais, a entidade vai sendo máis coñecida a nivel social.

O GALP RP promove unha política de portas abertas onde todos os membros se comprometen a cumprir os obxectivos do grupo, asegurando unha xestión participativa e democrática. Como se leva isto á práctica?

Coas actividades do grupo, reunións, actividades formativas que nos axudan a darnos a coñecer entre todas as persoas relacionadas co ámbito social e co mar.

E na mesma liña, como asegura o GALP a participación activa de todos os sectores e entidades na súa xestión e na asignación de axudas?

Primeiramente, dando unha ampla cobertura publicitaria á convocatoria para garantir a presentación de solicitudes, asesorando a promotores. Despois a avaliación dos proxectos faise na Xunta Directiva da que formamos parte 19 entidades: tódolos concellos e confrarías do territorio, así como entidades sociais.

Cal é o proceso de avaliación e selección de proxectos para as axudas e que criterios son os máis importantes?

Os proxectos presentados en tempo e forma son revisados polos técnicos que realizan a comprobación de que cumpran os requisitos para poder ser subvencionados. Despois, a proposta dos técnicos chega á Xunta Directiva do Grupo que a revisa e valórase a contribución dos proxectos ao conxunto do GALP. Isto facémolo cuns criterios que foron aprobados polo Grupo e pola Consellería do Mar e que teñen en conta o impacto sobre o territorio: creación de emprego, beneficios para o sector pesqueiro, conservación do patrimonio, sostibilidade ambiental, implicación da xuventude, igualdade, turismo sostible…

Podería destacar un ou dous proxectos específicos dos últimos anos e o impacto que tiveron?

Un dos proxectos máis importantes que desenvolvemos como Grupo é o proxecto Mar das Illas para a promoción das actividades de turismo mariñeiro y pesca – turismo que desenvolveu actividades de formación para o sector pesqueiro.

Outro proxecto importante foi o de Relevo Xeracional. Visitamos os colexios dando a coñecer aos estudantes da ESO os oficios relacionados co mar.

Cales son os pasos fundamentais que deben seguir as persoas interesadas para presentar un proxecto ás axudas do GALP?

Eu recoméndolle que asistan ás xornadas que facemos para difundir as axudas e pidan información nas oficinas do GALP, sempre con anticipación, porque cando se publica a convocatoria hai pouco tempo para completar os proxectos dende a idea inicial que se ten en mente.

Que tres consellos lle daría a alguén que está preparando a súa solicitude de axuda para garantir unha proposta exitosa?

É difícil dar consellos xerais mais, se es do sector pesqueiro ao que van dirixidas preferentemente as axudas, e o proxecto mira para o beneficio do sector, das poboacións costeiras ou do noso produto pesqueiro e marisqueiro, pódese garantir o éxito do proxecto a presentar.

Cando está prevista a próxima convocatoria de axudas e como poden prepararse as persoas interesadas para participar?

Este ano 2024 publicáronse o 31 de xaneiro. Se non hai cambios dende a Consellería, as datas serán practicamente as mesmas ano a ano, ata 2026 cando menos. Se quedan fondos poderemos ter dous anos máis ata o ano 2028. Así que quedan uns meses por diante ata a vindeira convocatoria, para ir pensando nos próximos proxectos que esperemos que sexan moitos.

Desde a súa perspectiva, cales son os principais retos que enfronta o GALP na actualidade, e como impactan estes nas súas estratexias a curto e longo prazo?

O coñecemento dos produtos pesqueiros polos consumidores, así como garantir a supervivencia dos traballos do mar co relevo xeracional. Para isto intentaremos facer proxectos cos nosos socios e tamén proxectos de cooperación cos outros Grupos de Acción Local de Galicia, España ou Europa se fai falla, para conseguir facer máis forza de difusión e coñecemento do sector do mar na sociedade.

Como describiría a relación actual do GALP coas comunidades e entidades locais da ría de Pontevedra?

Boa, sempre foi boa e esperamos que siga sendo así. Cada vez son máis as entidades que se achegan ao GALP, seguimos a recibir solicitudes de adhesión e tamén solicitudes de axuda de novas entidades. Como dicías ao principio, o GALP ten as portas abertas para calquera entidade da zona costeira da Ría de Pontevedra que queira colaborar con nós.

Hai algún proxecto ou iniciativa recente que destaque esta colaboración?

Pois certamente é algo que botamos en falta, os proxectos de colaboración entre diferentes entidades (concellos e entidades sociais, por exemplo).

Que oportunidades representa o GALP para o desenvolvemento económico e social da ría de Pontevedra?

En termos económicos, o GALP representa máis de cinco millóns de euros para a ría de Pontevedra cos que facer proxectos de toda índole, iso si, con vinculación ao mar. Isto é un feixe de oportunidades que aproveitar. O que non queremos é que os fondos vaian de volta á Unión Europea.

Podería compartir un ou dous exemplos concretos de proxectos que tiveran un impacto directo no benestar da comunidade local e na mellora do sector pesqueiro?

Un proxecto que nos está a axudar moito no marisqueo coa problemática das algas foi o da “rumba”, unha aspiradora para a recollida das algas coa embarcación da Lonxa de Campelo, evitando a mortaldade do marisco cando hai moitas algas na ría. Tamén un autocargador de recollida de algas nas zonas de marisqueo a pé reduce o esforzo dos e das mariscadoras nos momentos de moita arribazón nos bancos marisqueiros.

Que papel xoga a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo na planificación e execución de proxectos no GALP?

É fundamental, a Estratexia que se aprobou no ano 2022 é o que nos marca o que podemos subvencionar, os obxectivos dos proxectos e os criterios de selección. Polo de agora está a funcionar ben, mais se vemos que é necesario, poderanse facer axustes nos próximos anos.

Como se asegura que a EDLP reflexe e responda ás necesidades reais das comunidades pesqueiras?

Coa participación cidadá da xente. Cando se fai a Estratexia – a EDLP- ou cando queiramos modificala no futuro, debemos facelo sempre logo de debatelo, tanto entre os socios como co conxunto das entidades do territorio que queiran participar.