O GALP Ría de Pontevedra: Quen somos
O Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra (GALP-RP) é unha asociación sen ánimo de lucro constituída no ano 2008 ao abeiro da Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación e da normativa de aplicación do Estado e da Comunidade Autónoma.
O GALP-RP está formado por entidades públicas e privadas da zonas costeira da ría de Pontevedra, representativas dos sectores pesqueiro, económico e social, así como as entidades públicas locais (concellos de Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño), e colabora na xestión dos recursos do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA) para desenvolver e dinamizar, dende a sustentabilidade, a zona marítimo pesqueira da ría e a súa área de influencia, contribuíndo á mellora das condicións de vida e oportunidades das comunidades, ao tempo que garante a conservación dos seus recursos mariños e do seu patrimonio natural e cultural, fomentando o seu coñecemento e posta en valor a través da implantación da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP).
Desde 2009, o GALP-RP ten o recoñecemento de entidade colaboradora da Consellería do Mar para a xestión dos sucesivos fondos europeos dedicados ao desenvolvemento das zonas dependentes da pesca.
Ao longo deste anos, e coa financiación comunitaria, o GALP-RP apoiou proxectos moi diversos, como; melloras en instalacións portuarias, tanto dedicadas á pesca como á náutica; creación e mellora de rutas e itinerarios; establecementos e proxectos turísticos, tanto públicos como privados; ou xornadas de exaltación de produtos da pesca extractiva. Tamén se apostou pola cultura mariñeira, especialmente pola súa divulgación e recuperación.
Funcionamento do GALP
GALP Ría de Pontevedra ven traballando no territorio dende o ano 2009 a partir de Estratexias de desenvolvemento que se definen entre os axentes sociais. Dende entón, participamos na xestión das axudas ao abeiro de fondos FEP e FEMP. Dende o 1 de xaneiro de 2023 estamos a traballar co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
Coñece aquí os informes anuais de actividade do GALP Ría de Pontevedra.