Entrevista Turlonxa

O proxecto Turlonxa, Turismo na Lonxa de Bueu consiste na ampliación e mellora dos servizos ofertados pola confraría de cara a pór en valor o patrimonio cultural do sector pesqueiro en xeral e da entidade en particular. As melloras de adecuación, acondicionamento e reordenación das infraestruturas e elementos da lonxa permitirán a realización de visitas e a promoción das actividades pesqueiras a través de monitores táctiles e unha serie de vídeos divulgativos sobre a actividades pesqueira artesanal.

Este proxecto foi aprobado na convocatoria 2018 das axudas xestionadas polo GALP Ría de Pontevedra. A primeira parte do plan centrouse no control de accesos ao patio da lonxa para, posteriormente, centrarse na reordenación de equipos e, finalmente, a creación de contidos audiovisuais para os visitantes.

Quixemos falar co Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Bueu, Jose Manuel Rosas, para que nos explicase mellor en que consiste Turlonxa.

Como naceu a idea deste proxecto de mellora para a lonxa de Bueu?

Este proxecto naceu por dúas cuestións, unha sanitaria porque esta lonxa ten cinco portas e as veces as cinco estaban abertas con movemento de produtos e demais; e unha cuestión de operatividade porque había momentos do ano nos que as aglomeracións de persoas non permitían realizar o traballo con todas as garantías.

A mellora non só e para os profesionais senón tamén para o público en xeral.

Claro que si, isto fíxose por comodidade e por seguridade. Por comodidade porque agora as persoas que se atopen na lonxa para ver unha poxa teñen un espazo en condicións para poder facelo, non van a estar mesturados cos mariñeiros e compradores. E por seguridade porque aquí móvense carretillas e transpaletas e así evítanse accidentes. Considero que uns e outros imos saír beneficiados con este cambio.

Que poderán atopar os turistas que se acheguen ata este espazo?

As visitas están abertas ao público xeral. Os visitantes terán acceso á lonxa a través dun espazo reservado onde, mediante uns monitores, poderán dirixir unha cámara cara unha poxa ou un punto determinado e ver, en todo momento, o que alí sucede sen entorpecer o desenvolvemento do traballo e sen estar fisicamente no patio de poxas.

Os monitores xa están instalados e operativos; e tamén contan con vídeos de distintos pesqueiros que fixemos aquí na confraría de Bueu.

Grazas a esta iniciativa esperan poñer en valor o patrimonio cultural do sector. A xente vive de costas á realidade do mar e das súas xentes?

Temos unha ampla experiencia en recibir visitas á lonxa. Recibimos a grupos, asociacións, colexios e institutos, e sorprende o pouco coñecemento que hai da vida do mar, das distintas artes, as distintas especies que se poñen á venda nunha lonxa. Nós queremos ir un pouquiño máis alá, a través dos vídeos queremos que a xente coñeza o día a día dun mariñeiro, poñer en valor o seu traballo e achegar a cultura mariñeira á cidadanía.

Isto ten un valor engadido porque a xente que despois vaia a un mercado de abastos ou unha peixaría a comprar un peixe van saber o que hai detrás dese traballo -ás veces situacións de risco, mal tempo…-, todo isto aparece nos vídeos. Os distintos pescadores das distintas artes poñen neses vídeos un anaquiño da súa vida.

Neste momento, no que o turismo está sufrindo os efectos da Covid-19, como afrontan ese impacto?

Como xa dixen na lonxa temos ampla experiencia acollendo visitantes. Por exemplo, temos convenios con colexios, hai asociacións que traen a grupos de distintas idades, e tamén institutos con ciclos vencellado ao mar veñen aquí a coñecer a realidade do que se van a atopar os rapaces cando rematen o ciclo. Temos ampla experiencia pero a covid-19 crea unha serie de limitacións polo aforo e as distancias que se fan notar. Esperemos que esta situación mude, e que non tarde moito, e poder volver ao de antes porque para nós é fundamental que todo o mundo saiba onde estamos, o que facemos, cal é o noso medio de vida, o que pescamos e, ao final, o que vendemos; para poñer en valor a nosa cultura, o noso medio de vida e o noso produto que é o fin de todo isto.