Marín acolle un evento promocional do produto pesqueiro local

  • O GALP Ría de Pontevedra reúne a profesionais do sector para poñer en valor o produto artesanal.

  • Coloquio e degustación de receitas tradicionais e innovadoras.

O Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria de Marín acollerá o vindeiro xoves, 10 de decembro, un evento de promoción do produto pesqueiro local.

Esta acción promocional titulada «Pesca, Cultura e Gastronomía – Da Praza ao Prato» está organizada polo Grupo de Acción Local Pesqueiro GALP Ría de Pontevedra e nela participarán representantes do eido empresarial e hostaleiro. O obxectivo deste evento é sensibilizar e concienciar ás persoas consumidoras dos beneficios que aporta o consumo de produto de proximidade (km0) e valorizar o produto local.

A sesión, que comezará ás 12:00 horas, terá unha duración aproximada dunha hora e tras unha charla-coloquio con representantes do GALP Ría de Pontevedra, empresarios e hostaleiros haberá unha degustación de receitas tradicionais e innovadoras con ingredientes extraídos da ría.

A sesión, que tamén poderá seguirse en streaming a través do Facebook de Pescado Artesanal (@Pescado.artesanal), comezará coa intervención da xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto, que presentará a plataforma pescadoartesanal.com, unha web para a comercialización conxunta das capturas provenientes da pesca artesanal da ría mediante un sistema de avisos de captura e oportunidades de comercialización de peixe e marisco do día.

Tras esta intervención terá lugar unha charla-coloquio sobre a variedade do produto artesanal da Ría de Pontevedra e a súa comercialización na que intervirán diversos protagonistas do sector da comercialización do produto artesanal. Deste modo, as persoas asistentes coñecerán as curiosidades do produto artesanal da Ría e as súas posibilidades culinarias da man de Pilar Otero, da empresa Frigoríficos Rosa de los Vientos; e dun representante da empresa comercializadora O Percebeiro.

Ao final desta sesión, os asistentes poderán degustar unha mostra do que a ría ten que ofrecer grazas ás propostas gastronómicas de Iñaki Bretal do Eirado de Leña e da empresa Rosa de los Vientos.

Para asistir ao evento é preciso inscribirse por teléfono (604022612) ou enviando un correo electrónico a elpescadoartesanal@gmail.com e, en caso de non poder asistir, poderán seguir en streaming a sesión no Facebook de Pescado Artesanal.