Novo Taller Participativo dentro do proxecto Mar de Velas

O proxecto Mar de Velas segue avanzando con forza de cara ao deseño dunha Rede de Mariñas Tradicionais en Galicia, unha iniciativa que leva en marcha dende finais de xullo e que busca, como obxectivo fundamental, poñer en valor e protexer o patrimonio cultural ligado ao ámbito das embarcacións tradicionais galegas.

Unha vez finalizada a primeira fase do proxecto, na que se realizou unha diagnose da situación de partida do estado de conservación das embarcacións tradicionais do litoral galego, o proxecto deu paso á seguinte fase: o deseño dun modelo de xestión de mariña tradicional. Este modelo haberá de responder ás expectativas xeradas polos colectivos que dende hai máis de vinte anos traballan pola conservación das embarcacións e á súa posta en valor como elementos culturais do patrimonio marítimo de Galicia. Así mesmo, a través desta proposta formúlase un modelo de explotación sostible co que poder ofrecer ao público un amplo abano de actividades ligadas ao mar e ao turismo mariñeiro, sempre co obxectivo de salvagardar a cultura marítima tradicional.

O deseño deste modelo de mariña tradicional parte da definición das liñas estratéxicas que se definiron e acordaron entre todos os axentes de interese, durante a primeira fase de proxecto.

Coa finalidade de validar este modelo, e comprobar que realmente responde ás expectativas dos colectivos, convócase un segundo Taller Participativo, no que os asistentes poderán debater abertamente sobre o modelo e aportar, a través dunha dinámica de grupo, as súas propias medidas de mellora en base ao seu coñecemento e experiencia. Deste encontro se concluirán as características, servizos, funcionamento e plan de acción das mariñas tradicionais en Galicia.

Nesta ocasión o punto de encontro é a mariña de Combarro, onde se recibirá aos representantes dos colectivos asociados á Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) que están a formar parte do proxecto dende o seu comezo. Así mesmo, contarase coa presenza dos representantes dos catro grupos GALP promotores do proxecto, correspondentes cos grupos GALP Costa Sostible, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra e Golfo Ártabro Sur, quen tamén aportarán as súas impresións sobre o modelo presentado.

A través deste taller dáse un paso fundamental nos avances do proxecto, xa que a validación deste modelo de xestión é crucial para definir os primeiros pasos da terceira fase: o deseño dun modelo de Rede de Mariñas Tradicionais.