Xaquín Fabeiro, presidente do Club Mariño A Reiboa: “O Luisa é o barco insignia do club e para nós era moi importante mantelo en uso”
A Rede Española de Grupos de Pesca (REGP) vén de recoñecer o proxecto do Club Mariño A Reiboa para a restauración do galeón Luisa III como iniciativa de boas prácticas. A embarcación tradicional é unha réplica dun barco de transporte de baixura típico das Rías Baixas construída en 1980. Conversamos co presidente do club, Xaquín Fabeiro, sobre as melloras que realizaron no barco, o que supuxo este proxecto para a entidade, como recibiron este recoñecemento ou a implicación do club na Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP).
Cóntenos, en que consiste o proxecto do Club Mariño a Reiboa?
O proxecto era volver a poñer en condicións de navegación axeitadas o Luisa. Facía dez anos que non se tocaba o pau e sabiamos que algunha caderna e algúns banzos estaban algo tocados e había que reparalos. A idea era substituír o pau, pero ao baixalo vimos que estaba en boas condicións e procedeuse a restauralo. Pensamos que era preferible conservar o pau que tiña o barco desde que se fixo que facer un novo, así tamén o entendía o carpinteiro.
A restauración xa rematou?
Si, o que era a parte da subvención estaba rematada a 31 de decembro, colocando o pau o día 30. O que pasa é que ao estar o barco ao aire libre había cousas que non se podían traballar e ca situación que vivimos, de peches perimetrais e demais, ao final o barco chegou de volta a principios deste mes.
Si, o que era a parte da subvención estaba rematada a 31 de decembro, colocando o pau o día 30. O que pasa é que ao estar o barco ao aire libre había cousas que non se podían traballar e ca situación que vivimos, de peches perimetrais e demais, ao final o barco chegou de volta a principios deste mes.
Teñen pensado facer algunha actividade arredor do Luisa aproveitando a restauración?
En principio unha actividade excepcional non, pero si que recuperaremos as nosas actividades máis ordinarias. É un ano moi complicado e non tiñamos en mente facer nada especial, pero agora que mo dis estamos traballando para que se celebre de volta a Concentración de Embarcacións Tradicionais en agosto e podemos facer algunha cousa, aínda que non está deseñado nada en particular.
Por que era de interese para o Club Mariño a Reiboa poder desenvolver este proxecto?
O Luisa é o barco insignia do club, a pesar de non ser noso, de pertencer á Asociación de Veciños Boureante, nós somos os encargados da súa conservación e dinamización. O Luisa leva con nós vinte anos, desde que se fundou o club, e durante moito tempo foi un dos barcos máis grandes dos encontros de embarcacións tradicionais. Era un barco moi relevante na flota de embarcacións tradicionais de Galicia e sígueo sendo. Para nós era moi importante mantelo en uso, poder seguir facendo as cousas que faciamos con el. No proxecto Sentir o mar, era o barco ideal para a xente con diversidade funcional ao dispoñer dunha rampla para subir cadeiras de rodas. Tamén para levar rapazada porque non se move un pelo, é unha auténtica pasada. Para nós era moi importante poder volver a realizar todo iso.
Era imprescindible darlle unha volta?
Si, era obrigatorio.
Neste sentido, tedes algún proxecto máis en mente para desenvolver este ano?
Presentamos un proxecto para a dinamización de embarcacións tradicionais. A idea é facer no pantalán, que temos concedido en Combarro, unha mariña tradicional. Isto saíu dun proxecto de colaboración de varios GALP, o Mar de velas, que consistía nun estudo dunha rede de mariñas e navegación tradicionais e íase materializar en tres mariñas: Muros, Portonovo e Combarro. Por desgraza, a última hora Portonovo saíuse polos problemas que temos de recoñecemento das embarcacións tradicionais por parte das administracións; esperamos ser capaces de convencer ás administracións das modificacións que nos teñen que facer.
O proxecto significaría unha páxina web e sinaléctica, con información sobre a navegación tradicional, na entrada do pantalán. En Muros xa se colocou toda a parte de información das embarcacións.
Volvendo ao proxecto do Luisa, que foi beneficiario das axudas xestionadas polo GALP Ría de Pontevedra, como valorades o papel que xogou a entidade para que esta iniciativa saíse adiante?
Sen a colaboración do GALP para facer a tramitación da subvención sería moi difícil tela feito nós. A raíz do traballo que se fixo en común para o Mar de Velas, establecemos confianza co GALP. A súa axuda foi fundamental para poder rematar cada papel, para poder facer as cousiñas no sitio. Ás veces toda esa xestión complícaseche e foi moi importante a confianza que foramos desenvolvendo e a axuda que nos daba. Por outra banda, nese tipo de subvencións, hai que ter todo moi ben clariño, hai que ter os cartos, ou polo menos unha boa parte deles para poder pedir o adianto do 50%. Quen ten o tema moi claro, o diñeiro e sabe o que vai facer é quen consigue a subvención.
Sobre a colaboración co GALP, despois de acabar co proxecto Mar de velas, organizamos unha reunión con outras asociacións da zona que se dedican a navegar e conservar embarcacións tradicionais. Nós somos moi activos no GALP en todo o plan de desenvolvemento especial da zona e estabamos vendo nas asembleas que a partida designada a patrimonio non se estaba gastando porque non había proxectos para esa parte da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP). Así, a través do GALP, activámola e este ano hai un proxecto doutra asociación para restaurar unha dorna cunha subvención do grupo. Quizais chegamos un pouco tarde e non lle demos todo o uso que podiamos á ferramenta que era o GALP, pero esa colaboración permitiu que se activara esta parte.
E xa para rematar, como recibiron que a Rede Española de Grupos de Pesca vos recoñecera a iniciativa do Luisa como un proxecto de boas prácticas?
Ben, pero a verdade é que como nós vivimos de lea en lea, aínda non nos deu tempo a valoralo moi polo miúdo.
Aínda non tiveron tempo a celebralo ben.
Pois si, é que acabamos cun barco e empezamos con outro e polo medio, que se a Festa do Mar, unha actividade co Concello de Pontevedra… Non che dá tempo a gozar dos éxitos.