Achegamento do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola aos centros de ensino para o relevo xeracional

  • O proxecto de colaboración RELEVO 2 é unha iniciativa de carácter formativo promovida por seis Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia

Despois de máis de 9 meses en activo o proxecto RELEVO2 está chegando á súa fin e faino coa preparación dun acto final que se prevé dinámico e ameno e no que o protagonismo o levarán o sector pesqueiro e os centros educativos que participaron na iniciativa.

Durante este ano 2022, esta iniciativa puxo en marcha e levou a cabo as seguintes actuacións en centros educativos de secundaria e formación profesional:

• formación de cara a coñecer as oportunidades do sector pesqueiro,

• visitas a empresas nos diferentes territorios GALP para que o alumnado sexa coñecedor de primeira man dos recursos e oportunidades que ten na súa zona xeográfica,

• elaboración dun manual de boas prácticas de cara a recoller a información principal sobre titulacións, saídas profesionais e centros de ensino en relación ao sector do mar e tamén proxectos de éxito levados a cabo nos diferentes territorios e,

• deuse a oportunidade a un número determinado de alumnas e alumnos de poder embarcar en buques de pesca e/ou náutica recreativa, a modo de prácticas, para vivir e experimentar en primeira persoa o día a día das xentes e dos profesionais que viven do mar.

Os resultados do proxecto serán presentados no acto de clausura pero, como adianto, podemos dicir que participaron máis de 50 institutos dos seis territorios promotores e máis de 2100 alumnas e alumnos, ademais de que foron executadas todas as actuacións previstas en todos os territorios.

Acto final

Terá lugar o vindeiro venres día 14 de outubro en horario de 10.30h a 13h no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela.

Nel haberá una mesa de benvida con representantes do GALP coordinador, unha mesa de experiencias na que docentes e alumnado contarán en primeira persoa a súa vivencia no proxecto así como unha mesa redonda na que se expoñerá a actualidade do relevo xeracional e a relación da mocidade co sector do mar.

Para ampliar a información pódese acceder á páxina web do proxecto www.relevo2.org, contactar coa asistencia técnica (633 33 54 63) ou directamente co GALP do voso territorio, a través de contacto telefónico ou correo electrónico.