Aprobada a Estratexia de Desenvolvemento Participativo do Galp Ría de Pontevedra
O 13 de decembro de 2022, a Consellería do Mar resolveu aprobar a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo do GALP Ría de Pontevedra para o período do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura 2023-2027, concedendo un total de 5.604.016,83 €.
Trátase dun documento que marcará a folla de ruta nos vindeiros anos para acadar un desenvolvemento sostible do noso territorio marítimo-costeiro, a través do financiamento de accións e proxectos vinculados ao medio mariño e enmarcados nos seguintes obxectivos estratéxicos:
-
Aumentar o valor e promocionar a innovación en todas as fases da cadea de produción e subministro dos produtos da pesca e da acuicultura, así como mellorar a imaxe destes produtos e a actividade produtiva a nivel local, para a súa incorporación á cultura alimentaria do territorio, creando emprego e fomentando a participación de mulleres e persoas mozas dentro do sector.
-
Fomentar a economía azul no territorio mediante o apoio á diversificación dentro e fora do sector da pesca comercial, á aprendizaxe permanente e á creación de emprego nestas zonas.
-
Impulsar o coñecemento e poñer en valor o patrimonio medioambiental da ría de Pontevedra, incluídas accións destinadas á mitigación e á adaptación ao cambio climático.
-
Fomentar e poñer en valor o patrimonio cultural marítimo, pesqueiro e acuícola, e contribuír ao benestar social no ámbito da ría de Pontevedra.
-
Reforzar o papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e na gobernanza dos recursos pesqueiros e das actividades marítimas locais.
-
Contribuír á cooperación entre diferentes axentes do territorio.
A EDLP elaborouse coa contribución e traballo de diversas persoas e entidades, públicas e privadas, do territorio do GALP Ría de Pontevedra, conformado polos concellos de Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño, as cales queremos agradecer a súa inestimable contribución.
Entre todos, temos acadado un total de 4.487.591, 60 € destinados a financiamento de proxectos que contribúan ao desenvolvemento do territorio en coherencia coa súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo, e 1.116.425,23 € para o funcionamento e actividades de difusión e dinamización do propio GALP Ría de Pontevedra.