O GALP Ría de Pontevedra acolle unha sesión interterritorial da man de ‘Un mar en común’

  • A xornada, con carácter colaborativo, terá lugar o venres 27 ás 17:00 horas no restaurante A Centoleira de Bueu
  • A socióloga Estefanía Tarrío será a encargada de conducir esta segunda proposta formativa á que poden asistir as entidades asociadas pertencentes a calquera dos GALP participantes no proxecto (Mariña-Ortegal, Golfo Ártabro Norte, Ártabro Sur e o propio Ría de Pontevedra)

Na xornada do venres 27 de maio entre as 17.00h e as 19.00h terá lugar a segunda xornada formativa interterritorial organizada no marco do proxecto cooperativo ‘Un mar en común’. Este proxecto botou a andar en setembro e conta coa participación do GALP Ría de Pontevedra, A Mariña-Ortegal, e os GALPs do Golfo Ártabro Norte e Sur. Están convidadas a participar calquera das entidades asociadas a algún dos catro GALP participantes no proxecto e só e preciso contactar co do seu territorio para solicitar praza e transporte. Estas formacións interterritoriais pretenden fomentar tamén as relacións entre os membros dos catro Grupos de Acción Local Pesqueira citados.

O restaurante A Centoleira en Bueu acollerá esta xornada que será dirixida por Estefanía Tarrío, Premio Nacional Fin de Carreira do Ministerio de Ciencia e Innovación.

A xornada programada ten como finalidade principal ofrecer unha aproximación á investigación social e cultural.

“Un mar en común. A afouteza da xente do mar”

O proxecto, do que é responsable a antropóloga e investigadora Cristina Valdés Méndez, foi promovido polo GALP Ría de Pontevedra xunto aos GALP Ártabro Norte, Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal e ten como obxectivo fortalecer o tecido asociativo territorial dos GALP, dotando de ferramentas ás persoas e ás entidades para mellorar a súa relación e a súa comunicación interna e externa.

O traballo de investigación está a permitir facer unha diagnose da situación na que se atopa o sector e poñer en marcha un conxunto de accións (talleres, intercambios de boas prácticas) para impulsar a cooperación e a colaboración interterritorial mediante a participación dos catro GALP citados anteriormente.

Estruturado en catro fases, na primeira tiveron lugar preto de 80 entrevistas aos integrantes das asociacións que forman parte dos GALP para coñecer as súas opinións; na segunda tiveron lugar varias xornadas de formación/ interacción segundo as necesidades trasladadas por cada grupo; na terceira, de formacións interterritoriais, estase a facer unha posta en común entre as entidades pertencentes aos diferentes Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro e por último, na cuarta fase, publicaranse os resultados acadados durante a investigación e propoñerase un manual de boas prácticas que sirva de guía para manter a dinamización do tecido asociativo no futuro.

O proxecto colaborativo de dinamización do tecido asociativo dos devanditos GALP organizará dúas formacións máis nos próximos meses. Este proxecto de cooperación conta co financiamento da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca.